O Colexio de Psicoloxía celebra que a estratexia de saúde mental que pide a Eurocámara pense "en clave social"

O presidente da Sección de Psicoloxía e Saúde do colexio, Xacobe Abel Fernández, destaca que a proposta "fala de cambios sociais, non de cambios hospitalarios nin sanitarios".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2023 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

A semana pasada, o Parlamento Europeo aprobaba por unha ampla maioría unha resolución para reclamar aos Estados que elaboren unha estratexia de saúde mental a longo prazo. Entre os seus principais eixos de actuación, máis aló de reforzar os servizos sanitarios para ese efecto, pon no foco a atención a colectivos vulnerables e a loita contra a estigmatización e a discriminación.

É isto último, precisamente, o que celebra o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), porque a aposta da Eurocámara "pensa máis en clave social e comunitaria" que na pura asistencia clínica. "Fala de cambios sociais, non de cambios hospitalarios nin sanitarios", destaca o presidente da Sección de Psicoloxía e Saúde do colexio, Xacobe Abel Fernández.

En declaracións a Europa Press, este profesional bota man dun símil para explicar o esencial da estratexia: "Todo o mundo sabe que a rede de sumidoiros é esencial para a boa saúde da cidadanía, pero non se considera algo do ámbito sanitario. Isto é igual, busca unha sociedade máis sa onde a saúde mental estea protexida pola propia sociedade fronte ás enfermidades. Vai de investir máis en rede de sumidoiros".

Esta aposta europea non vai só de prevención, senón tamén "de benestar e de sociedades máis sas, en xeral", de ver as cousas doutra maneira. Fernández pon o foco na palabra "desestigmatización", un dos temas clave na resolución da Eurocámara.

"Vai de facer que as persoas poidan ser diferentes entre si e de ter unha sociedade que o entenda", subliña o presidente de Psicoloxía e Saúde do Colexio de Psicoloxía. Fala de diferentes realidades, por exemplo identidade e orientación sexual, autismo e adolescentes, entre outros colectivos "en situación de vulnerabilidade por non ser comprendidos na súa contorna".

A "EXCESIVA MEDICALIZACIÓN" DO SISTEMA

Aínda que Fernández cre que a estratexia, que reclama obxectivos e orzamentos claros, si pode ser unha "primeira pedra" para asentar eses cambios, rebaixa as súas expectativas no curto prazo, porque estas resolucións "son guías que adoitan tardar anos en traducirse ao concreto" e que, para iso, teñen que pasar por varias administracións.

Con todo, Fernández si ve que axudará en dar pasos para acabar coa "excesiva medicalización" que aínda persiste nos servizos de saúde mental, tamén no galego. "Temos un sistema que prima a Psiquiatría sobre a Psicoloxía. Segue sendo un modelo que prima a pastilla, que non resolve un problema e acábao cronificando", advirte o responsable do COPG. Fronte a iso, resalta que as institucións europeas parecen ter claro que os tratamentos sanitarios son só "unha peza máis do quebracabezas" para unha boa saúde mental.

Equipo de psicólogas do GIPCE atendendo a unha persoa. COLEXIO OFICIAL DE PSICOLOXÍA DE GALICIA
Equipo de psicólogas do GIPCE atendendo a unha persoa. COLEXIO OFICIAL DE PSICOLOXÍA DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta