18F.- Besteiro sobre os debates electorais: "debía emprazar a Feijóo, que parece o verdadeiro candidato"

Abel Caballero denuncia a "fustrigación permanente" da actual Xunta cara a Vigo, algo que cambiará cun presidente socialista

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2023 | Actualizada ás 18:13

Comparte esta noticia

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, volveu a defender este venres en Vigo a importancia dos debates electorais e, ante as manifestacións do candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, que lle pediu "non copiar" a proposta de Sánchez (de celebrar 6 debates), Besteiro puntualizou que quizá debeu emprazar a Feijóo, o "verdadeiro candidato", a esa 'cara a cara'.

En declaracións aos medios tras participar nunha reunión co alcalde da cidade, Abel Caballero, a presidenta do PSdeG e senadora, Carmela Silva, e con responsables locais e provinciais do partido, Gómez Besteiro ironizou: "Se cadra equivoqueime, se cadra debía emprazar a Feijóo, que parece ser o verdadeiro candidato".

En todo caso, o candidato socialista advertiu de que será "moi pertinaz" no seu defensa dos debates electorais porque é necesario que a cidadanía vexa que "hai diferenza de alternativas". "Hai que debater, discutir, explicar por que se fan determinadas cousas e por que se deben facer outras", engadiu.

Por outra banda, subliñou que unha das súas primeiras decisións como presidente da Xunta será pór fin á "política de confrontación" do actual goberno galego con cidades como Vigo, ou co Estado, nunha posición "pouco intelixente".

Tras defender o seu convencemento de que "os retos de Vigo son tamén os retos de Galicia", e a necesidade de apoiar proxectos como o AVE, a autovía soterrada ao Porriño ou os PERTE do naval, a conserva, e outros sectores, Gómez Besteiro apostou por trasladar "a potencia que xeran os socialistas onde gobernan" á Xunta de Galicia.

"Esa é a nosa ilusión", afirmou, e volveu a insistir que o PSdeG non se pode conformar con sacar un bo resultado o 18 de febreiro, senón que necesita "gobernar e gañar" para "sumar forzas" co goberno de Pedro Sánchez e con gobernos locais socialistas como o de Vigo. "Todos sumados na mesma dirección e na boa dirección", aseverou.

Finalmente, lamentou outra vez que Galicia crece por baixo da media da Comunidades Autónomas, porque "a Xunta está absolutamente parada, retardada" e as súas propostas son "ineficaces". "Chega tarde, mal e a rastro, a decisións que se tomaron nos últimos anos", sentenciou.

"FUSTRIGACIÓN PERMANTE" A VIGO

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, denunciou a "fustrigación permanente" da Xunta do PP á cidade nos últimos 15 anos. "Quitáronnos a caixa de aforros, tentaron pecharnos o aeroporto, deixáronnos sen AVE, quixéronnos quitar o partido xudicial, fixeron un hospital que non corresponde ás necesidades de Vigo e non fixeron investimentos na cidade", enumerou o rexedor.

"Estamos a vivir unha fustrigación á cidade, e a cidade está farta dunha Xunta que a está permanentemente atacando", proclamou Caballero, que expresou a súa confianza en que Besteiro será o próximo presidente do goberno galego e, con el, Vigo terá a "garantía" de recibir o tratamento ao que ten dereito. Para o alcalde, a presenza de Sánchez en Moncloa, a súa na Alcaldía e a chegada de Besteiro da Xunta, será "a situación perfecta" para Vigo.

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, nunha reunión co alcalde de Vigo, Abel Caballero, a presidenta do partido en Galicia, Carmela Silva, e responsables provinciais e locais do PSOE.
O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, nunha reunión co alcalde de Vigo, Abel Caballero, a presidenta do partido en Galicia, Carmela Silva, e responsables provinciais e locais do PSOE. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta