O Sergas, condenado a indemnizar a un paciente por acceder de forma indebida ao seu historial clínico

O TSXG fixou a indemnización en 9.000 euros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/12/2023 | Actualizada ás 12:28

Comparte esta noticia

A sección primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a indemnizar con 9.000 euros a un paciente porque accederon de forma indebida ao seu historial clínico.

Tal como recolle o alto tribunal galego na súa sentenza, este paciente era precisamente auxiliar administrativo do Sergas, quen desempeñaba o seu traballo no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Alí, polo "deficiente funcionamento dos servizos públicos", o 25 de setembro de 2019 accederon de forma "indebida" ao seu historial clínico. En concreto, a sala considera probado que "unha ou varias persoas que non puideron ser identificadas accederon ao seu historial clínico utilizando o cartón e número de PIN persoal do xefe daquel servizo que, ao parecer, deixábaa introducida e activada, de modo permanente, no computador, sendo o PIN coñecido pola maior parte dos traballadores do servizo".

Desta forma, o TSXG estimou o recurso de apelación interposto polo afectado e revogou a sentenza apelada, ditada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago, a cal fixou a indemnización en 5.000 euros.

O tribunal explica na resolución que considera insuficiente esa cantidade para reparar o dano producido, "máxime cando a Administración non esgotou a investigación a que viña obrigada pola reprobable actitude do xefe do servizo e da persoa ou persoas que accederon indebidamente ao historial clínico do actor, o que non resultase difícil, dado o escaso número de traballadores no servizo". Así, considera "máis axustada á gravidade do feito" esta nova indemnización, ante a "sorprendente postura da Administración, tratando de xustificar o inxustificable", así como tamén ante o "dano moral producido ao actor e á difusión dos seus datos médicos ilegítimamente obtidos".

Edificio da Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde  (Sergas)
Edificio da Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde (Sergas) | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta