Catástrofe ambiental con difícil solución: voluntarios limpan as praias de pellets e buscan os sacos que aínda non romperon

Ao tratarse de boliñas de plástico, os pellets son altamente contaminantes e dificilmente degradables. "Unha vez esparexidos, ademais, son moi difíciles de limpar e a fauna mariña pode pensar que se trata de ovos doutros peixes e rematar por comelos", alerta Dayana, da asociación Noia Limpa.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 05/01/2024 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

As costas galegas estanse enchendo de pequenas boliñas de cor cristalino que para os ollos dos paseantes, de lonxe, aseméllanse á neve. Mais achegarse a elas encolle o corazón, ao percatarse de que realmente non se trata doutra cousa que de plástico: milleiros e milleiros de bólas de plástico sulfatan as nosas praias. Como chegaron ata aquí? Procedentes dun barco de orixe polaca que transportaba varios contedores e que perdeu parte da súa carga fai case un mes (o pasado 8 de decembro) fronte á costa de Viana do Castelo. Sacos de 25 quilos de pellets perdéronse no mar e agora están sendo arrastrados aos areais por mór do temporal. Cantos estarán aínda vagando polo mar e sendo consumidos por peixes e mamíferos mariños? Unha auténtica catástrofe medioambiental mírese por onde se mire. 

Pellets achados na praia das Furnas
Pellets achados na praia das Furnas | Fonte: Noia Limpa

Agora, co mal xa feito, a empresa aseguradora e a compañía do barco quérense facer responsables da limpeza, pero o certo é que hai que actuar xa, pois pouco remedio pode haber. Esas pequenas boliñas son moi difíciles de recoller unha vez esparexidas, especialmente mentres flotan no mar. Xa hai organizacións ecoloxistas e de voluntarios que están a denunciar a situación e a pedir que as administracións tomen cartas no asunto, e están a realizar labores de limpeza, animando tamén a voluntarios a que se sumen a estas tarefas ou, polo menos, a que avisen de se teñen visto este material nas praias dos seus municipios, para comprobar ata que dimensión está a chegar o problema. Dende Galicia Confidencial falamos con Dayana del Puerto, fundadora da asociación Noia Limpa, unha das que máis se está a involucrar no asunto.

Dayana explícanos que estes pellets son pequenas boliñas de plástico que serven de base para a elaboración de todos os materiais plásticos que empregamos. De aí que resulten altamente contaminantes para o medio ambiente xa que, ao igual que sucede co plástico, non se degradan facilmente e poderían permanecer centos de ano no mar. "Unha vez esparexidos, ademais, son moi difíciles de limpar e a fauna mariña pode pensar que se trata de ovos doutros peixes e rematar por comelos", alerta, animando a "intentar coller os sacos antes de que rompan, aproveitando que hai algúns que aínda están chegando enteiros ás praias, aínda que para outros xa é tarde, pois abríronse polo camiño". A catástrofe medioambiental pode chegar a consecuencias impredecibles se estas boliñas rematan sendo consumidas pola fauna mariña.

"OS CONCELLOS LIMPAN HOXE E MAÑÁN ESTÁ IGUAL"

Lamentablemente, dende Noia Limpa, aínda que están pensando en organizar algunha acción de limpeza das praias, non lles é doado: "Para mobilizar voluntariado fanche falta seguros, protección e non podes mandar aos voluntarios sen saber nada, porque pode haber accidentes, os pellets son tóxicos...", conta Dayana. Por iso, explica que "estamos tentando que o fagan os profesionais e que as administracións poñan os medios, ao igual que a compañía ou a aseguradora do barco, que xa dixo que se quere facer cargo". Tamén apunta que "haberá que ver o que se fai con esas boliñas unha vez se recollan". Polo momento dende esta asociación xa están en contacto con outras máis grandes como Adega para tratar de facer forza entre todos.

Pellets achados na praia das Furnas
Pellets achados na praia das Furnas | Fonte: Noia Limpa

"Os concellos xa saben o que está a acontecer e, polo que vin, están intentando limpar, pero o problema quédaselles grande, porque limpan hoxe e mañán está igual, pois as boliñas seguen chegando coa marea, co mar, e máis agora que hai temporal", advirte Dayana. Ela aposta por tomar exemplo do que se fixo en zonas onde xa ocorreron catástrofes semellantes, como Sri Lanka, "aprender como se fixo para limpar alí, se se pode poñer algo no mar ou algo polo estilo". Para lograr que isto pase "estamos intentando pasar toda a información que temos e que nos vai chegando ás autoridades, facelo público para que todo o mundo o sepa e denunciar o alcance da catástrofe", di Daiana.

"CANDO CHEGARON A ESPIÑEIRIDO, SABIAMOS QUE ÍAN CHEGAR A TODA GALICIA"

E é que puntualiza que "cando se falou da chegada destes pellets a Espiñeirido fai semanas, nós sabiamos que non ía ser só afectado Espiñeirido, porque todo o que cae no mar chega a outras partes, e máis cando hai temporal, e o que non queremos é que a empresa ou o barco que se vai facer cargo da limpeza, só limpe en Ribeira ou en Espiñeirido, cando realmente é un problema que vai afectar a toda Galicia ou, alo menos, a moitas partes de Galicia, e iso sabíase xa dende o principio, porque non hai que ser moi intelixente para sabelo". Así mesmo, confirma que "a nós contáronnos que o barco se perdeu o pasado 8 de decembro en Viana do Castelo", e "dixéronnos que se perderon seis contedores, un deles con pellets, pero sen precisarnos cantos sacos había no contedor, onde había toneladas deles", e tampouco "sabemos por que a carga non chegou a outros puntos".

Estes días de temporal o labor de recollida dos voluntarios complícase aínda máis. Esta semana o litoral galego está en alerta por fortes rachas de vento e ondada. "Dixéronnos que Salvamento Marítimo fora mirar con barcos ao mar, pero non viran os pellets", conta Daiana, que, como é o seu caso, explica que "son moitos surfistas os que están a dar a voz de alarma, e xa están dicindo que mentres surfean xa poden ver os pellets flotando". Por outra banda, agradece enormemente a preocupación que amosou a sociedade galega e os tantos voluntarios que se están a sumar á limpeza de praias por conta propia, xa que "estanse a involucrar incriblemente". 

ADEGA PIDE Á XUNTA E AO ESTADO ACTUAR DE URXENCIA

Pola súa banda, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), tamén instou este xoves á Xunta e á demarcación de Costas de Galicia a activar urxentemente o Plan de continxencias por contaminación mariña accidental ante a aparición de toneladas destes microplásticos. Lamentan que malia que a primeira alerta pública sobre a aparición destes residuos nas costas galegas tivo lugar o pasado 15 de decembro, ata o momento, nin a Xunta nin Costas están a facer nada para controlar a afectación deste verquido, detectar os puntos de contaminación ou proceder á retirada dos pellets. Lembran que estes residuos, de non ser eliminados das praias, poderían acabar facendo parte da nosa cadea trófica ou alimentaria, inxeridos pola fauna mariña, alén de supoñer unha nova agresión contaminante sobre o noso litoral e toda a biodiversidade costeira.

Lonxe de resolverse o problema, alertan dende Adega, a cada marea, seguen chegando máis pellets ás nosas costas e xa hai avisos de arrivada en praias de Lugo e mesmo de Asturias e Cantabria. Ademais, este verquido xa está afectando a algún espazo natural protexido, como é o caso dos areais de Corrubedo, polo que poderían estar exercendo un efecto negativo sobre hábitats e especies protexidas a nivel europeo e internacional. Adega lémbralle á administración galega que, ante episodios deste tipo, debe poñer en marcha un plan de continxencias que procure a proteción das persoas, do medio ambiente e dos bens que resulten afectados por sucesos accidentais, como o acontecido. Neste senso, no marco das súas competencias, teñen responsabilidades as Consellarías do Mar, de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de Sanidade e a propia Presidencia da Xunta.

Pellets achados na praia de Area Maior
Pellets achados na praia de Area Maior | Fonte: Noia Limpa
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta