Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2024 | Actualizada ás 14:17
Máximo "esforzo" e "implicación" e "cero confianza e conformismo" nunha xornada na que as enquisas lle outorgan posibilidades de manter a maioría absoluta en mans dos populares. É a "esixencia" que o candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, fixo aos seus nun mitin no que introduciu a variante estatal, cun chamamento a traballar para evitar que Galicia sexa "un trofeo na vitrina da Moncloa" para Pedro Sánchez e unha "sucursal do independentismo".
Arroupado por unhas 1.500 persoas (segundo a organización) no claustro dun hotel compostelán que quedou pequeno --militantes e simpatizantes tivéronse que quedar fóra, algúns visiblemente molestos--, Rueda tivo a súa 'posta de longo' na súa proclamación como aspirante do PPdeG á Xunta.
Nesta conxuntura, Rueda protagonizou un acto moi centrado nos cadros galegos e co portavoz do PP no Congreso, Miguel Tellado, como principal representante da dirección estatal. En todo caso, Rueda, quen tivo palabras de recordo tamén para Gerardo Fernández Albor e Manuel Fraga, evitou equívocos: Feijóo "suma" e estará "moi presente" na campaña galega.
De feito, tras prometer unha "campaña digna" e centrada en necesidades e problemas de Galicia, Rueda retomou o fío das mensaxes en clave estatal, avanzando implicitamente cales serán algúns dos cabalos de batalla nas próximas semanas. Así, pediu ao seus esforzo duro "no 'sprint' final" porque "non hai nada gañado" e para evitar que Galicia sexa "un trofeo" para Sánchez e que Galicia se converta en "unha sucursal do independentismo".
Na mesma liña, fronte a quen dixeron que "nunca" aprobarían unha lei de amnistía e sacárona "antes que a de orzamentos", apelou á "política da confianza". "Para ofrecer confianza hai que ser confiable, e neles non podemos confiar", agregou, nunha intervención na que tamén cargou contra o BNG e defendeu unha Galicia "con personalidade propia" e "aberta" fronte "ao nacionalismo enfurruñado".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.