Como te enteraches do desastre dos microplásticos? Blondie, a influencer galega que alzou a voz

O vídeo titulado "Galicia, temos un gran problema" ten xa máis de un millón e medio de reproducións en Instagram.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 09/01/2024 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

Fai cinco días moitas persoas enteráronse da gravidade do desastre dos microplásticos na costa galega ao ver un vídeo da influencer galega Blondie muser (@blondiemuser)Fíxose viral en pouco tempo baixo o título de "Galicia, temos un gran problema", a día de hoxe ten máis dun millón e medio de reproducións e 6.000 usuarios que o compartiron. Pero como se enterou Blondie? "Grazas a unha amiga, Marina, que vive preto da praia de Lariño e me enviou a publicación de @noialimpa. Deixei de xantar, collín o trípode e púxenme a gravar o vídeo e sen agardalo, fíxose viral e visibilizouse o desastre ambiental". 

Captura do vídeo viral de @Blondiemuser
Captura do vídeo viral de @Blondiemuser

A partir dese intre, Blondie, que xa adoitaba recoller lixo das praias, púxose mans a obra como voluntaria e continuou compartindo información de utilidade nas redes sociais, que seguía tendo millóns de reaccións. "Para o traballo dependemos do estado da area, se está dura e plana, podemos usar un recolledor e cepillo, pero en area mollada, fará falta un caldeiro cheo de auga e un coador co que separar os microplásticos", explica. 

A NATUREZA NON ENTENDE DE FESTIVOS

A voz de alarma sobre este desastre medioambiental coincidiu coas festividades propias de inicio de ano, pero Blondie xa reivindicou nas súas redes que "a natureza non entende de festivos". O mesmo día de Reis, estaba preto de Bastiagueiro pequeno, e recoñece que se "escapou da sobremesa" para ver se había microplásticos. "Ese día non había, hoxe xa non o podo asegurar, desgraciadamente". De feito, ao fío disto último, afirma que lle chegaron mensaxes de xente de lonxe concienciada e querendo axudar e de persoas que din que é mentira. "Din que é un invento, que non viron pellets na praia, negacionistas ata para isto, ten tela a cousa", lamenta. 

Blondie é bióloga e alerta sobre o perigo dos microplásticos nos animais. "Lin nas noticias que non eran tóxicos, tóxicos para nós. Moitos animais confundiranos con alimento e aí imos ter un gran problema". Ante isto tamén engade que é un desastre na natureza creado pola acción humana, "accidentalmente ou non", a culpa é dos humanos. 

MENSAXE ÁS ADMINISTRACIÓNS

Como voluntaria que baixou ás praias para contribuír a minimizar o impacto deste desastre, recoñece que non viu as brigadas que din que están mobilizando para limpar. "A xente non baixaría para facer ese labor se visen que outros xa están mans a obra. Temos medo que isto sexa o Prestige 2.0 en tódolos sentidos". Sobre a 'Marea negra' di que ela non puido axudar na limpeza porque daquela apenas tiña sete anos. "Estes días limpando en Lariño había xente que xa vivira o Prestige e partíuseme a alma cando repetían que isto é un desastre pero ca o Prestige á hora de limpar", afirma. 

Cal é o sentir da xente voluntaria? "Diría que pasamos por todas as emocións, desde tristeza ata rabia e sentirnos defraudados", expón Blondie que engade que ela xa tiña "ecoansiedade" e que aínda estando cinco horas limpando unha praia, seguía chea de microplásticos. "Quédome con que os que eu recollín, non os levou o mar". 

Es consciente de que moita xente se enterou do que pasaba grazas ao seu vídeo nas redes sociais? "Teño a bandexa de mensaxes dando resposta a esta pregunta. Grazas a viralidade do meu vídeo escribíronme moitas persoas dando as grazas por dar a coñecer este tema. Non o esperaba, pero alégrome de que servise de altofalante". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta