A veciña de Louro que denuncia a incompetencia: "Agora non hai solución e non houbo resposta nin inmediata nin tardía"

María Dedina desde a conta do seu proxecto @lixo.atelier informou da situación e lamenta que tanto Xunta como Goberno "tiren balóns fóra".

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 10/01/2024 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

Unha das zonas máis afectadas por esta desastre dos microplásticos é a ría de Muros e Noia. Maria Dedina, é unha rapaza de Louro, que en canto baixou a praia e viu a situación, decidíu facer un vídeo nas redes sociais para informar. Ela está moi concienciada, xa que se dedica a deseñar e facer xoais con lixo que atopa nas praias. Esta vez, atopouse cun lixo moi diferente que segundo ela conta xa fai máis dun mes que se reportou a perda dos contedores cheos de microplásticos. "Fai xa un par de semanas a asociación Noia limpa denunciou que aparecera uns sacos rotos na ría", di María, que engade que ela pensara, nun primeiro intre, que só se trataba dun saco puntual aberto nas pedras, cos microplásticos xuntos e nunha soa zona. 

Captura do vídeo de @lixo.atelier en Instagram
Captura do vídeo de @lixo.atelier en Instagram

"A principios da semana pasada, co inicio do ano, xa vimos como chegaban outros sacos cheos a diferentes praias de ría e xa o xoves, a imaxe era terrible. En Area Maior, en Louro, era unha barbaridade en cantidade e desde ese día, seguen chegando máis e son imposibles de sacar", conta lembrando o inicio deste desastre. Desde ese momento hai unha palabra que recoñece describe á perfección a situación que é "impotencia". Expón que os voluntarios, que chegan de diferentes zonas como Ourense ou Santiago, recollen microplásticos e miran que ao redor hai moitísimos máis que non se darán sacado "nin en tres vidas". María di sentir tamén rabia e enfado ante o que se está vivindo porque xera moita tisteza ver a praia neste estado. "Pasamos toda a mañá e toda a parte para sacar unha bolsa que non chega nin aos dous quilos, con sorte e imos porque o que sacamos, non queda na praia".

NON HOUBO RESPOSTA INMEDIATA, NIN RÁPIDA NIN TARDÍA

Explica que desde un inicio houbo persoas voluntarias para facer limpeza, pero tamén destaca que o domingo foi o día que máis xente se uniu, preto de 100 persoas, na zona de Louro e Lariño. "O resto de días, grupos de cinco e ata dez". Na praia de Area maior di que hai entre cinco ou dez operarios "dunha empresa subcontratada que manda a Xunta". E aclara que non culpa aos traballadores, pero que están con inventos "aínda máis precarios que os dos voluntarios, mentres os enxeñeiros traballan en mellores sistemas". 

Ante esta situación, lamenta e pensa firmemente que "agora non hai solución" porque a solución para este tipo de problema era a prevención. Estes microplásticos non tiñan que ir neses contedores que caeron ao mar. Unha vez iso pasou, di que non houbo resposta "nin inmediata, nin rápida, nin tardía".Tiñan que ter actuado antes porque o primeiro día era máis doado limpar os microplásticos, xa que estaban moi xuntos por mor da mareas, segundo conta, pero agora recoñece que é máis complicado porque están espallados e a "area moi pisada". 

Máis aló do resultado de toxicidade destes microplásticos, hai que ter en conta que son moi contaminantes e as consecuencias que teñen para aves e peixes. "O peixe está dentro da ría e ímolo comer todo. Non saben distinguir se é alimento ou non e iso vai acabar na nosa cadea trófica. Aínda que non sexan tóxicos para a recollida, vaino ser cando os teñamos no estómago", lamenta. 

Que mensaxe lles lanzarías ás administracións? "Neste punto, o problema non ten solución e as leis teñen que estar para que isto non pase e unha vez ocorre, actuar rápido. Non se poden tirar balóns fóra, dame igual si é a Xunta ou o Goberno central, non están vindo manchar os pés e as mans. En definitiva, non culparse entre si, vir aquí e poñerse a traballar", conclúe. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 José

Non te preocupes rapaza, que xa o dixo o noso ilustre Conselleiro do Mar, que como non comemos as maghas das xouvas, pois non hai poblema. Tranquila, que temos os máis listos, melloriño do país, mirando por nós... E ánimo!