Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2024 | Actualizada ás 16:22
A Asociación Dereito a Morrer Dignamente celebrou este luns un acto na Praza do Obradoiro para conmemorar o Día da morte digna, que se celebra no aniversario da morte de Ramón Sampedro, un acto e un día que cren "necesarios para non esquecer e facer visible o que queda por facer, que queda moito".
Durante o acto, no que participaron a alcaldesa de Santiago, Goreti Sanmartín e a deputada do BNG por Ourense, Noa Presas, entre outros; o presidente da Asociación Dereito a Morrer Dignamente de Galicia, Miguel Anxo García, declarou que este día 12 de xaneiro ten como razón, a parte do recordo, a "necesidade de avanzar no respecto aos dereitos das persoas e a súa dignidade en todas as etapas da súa vida, tamén na final".
Ademais, García afirmou que a pesar de lograrse "avances importantes" como a lei de eutanasia, non poden deixar de "sentir o risco que o ano pasado pesou sobre o dereito recoñecido legalmente da axuda para morrer", cando o Tribunal Constitucional tivo que resolver a ameaza legal que "os sombríos partidos da dereita" votaron cos seus recursos de inconstitucionalidade sobre o dereito á eutanasia.
Este Día da morte digna, aínda non oficializado, preetende, por unha banda, lembrar a Ramón Sampedro e, por outra banda, facer presente ante a sociedade a situación na que se atopa o dereito á morte digna, co foco posto no respecto aos dereitos na fase final da vida e en se se cumpre a regulación no ámbito galego.
Na concentración falouse tamén sobre a problemática de non saber "como se está morrendo en Galicia". A asociación quere desenvolver unha proposta ao longo do 2024 para crear un Observatorio da morte digna que permita saber que ocorre na fase final na vida das persoas, "un tema importante que o efecto tabú impide que se coñeza".
Así mesmo, o presidente da Asociación dixo que "a sociedade ten un problema coa morte que se arrasta ao longo de case milenios" e no momento actual atravésase "un proceso de tránsito importante", xa polo feito mesmo do recoñecemento do dereito á eutanasia.
A pesar disto, Miguel Anxo García declarou que hai persoas que "tentan que non se cumpra a lei de eutanasia", do que responsabilizou aos sectores extremistas pola parte da dereita "sombría", que abarca un Partido Popular que "continúa a rastro nesta cuestión". Ademais, tamén apuntou á situación do propio sistema sanitario en relación á axilidade funcionamento e a dispoñibilidade de recursos é unha "condición crave".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.