Por Europa Press / Redacción | LUGO | 13/01/2024 | Actualizada ás 14:47
Galicia é a comunidade que máis mellorou o seu nivel de estudos nos últimos 20 anos, segundo constata un informe do Ministerio de Educación que, tal e como destacou a Xunta, sinala que a porcentaxe de poboación con estudos ata a segunda etapa de ESO reduciuse en case 28 puntos en dúas décadas. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asegurou que estes datos son froito dun traballo "cooperativo e continuo" de todos os membros da comunidade educativa, aos que felicitou por este "éxito de país".
Así o manifestou este sábado nunha visita ao Centro Integrado de FP As Mercedes de Lugo. Alí, Román Rodríguez destacou que Galicia non é só a comunidade que logrou reducir máis a porcentaxe de poboación con menos estudos, "senón que, ademais, logra invertir a tendencia con respecto ao conxunto de España". Así, en 2022, segundo trasladou a Consellería nunha nota de prensa, a porcentaxe de persoas con menos estudos reduciuse ata o 35,3 % da poboación fronte ao 63,2 % nesta situación que había en 2002.
Isto fai que hoxe Galicia "estea tamén mellor situada con respecto á media estatal (que está no 35,8 %) mentres que en 2002 estaba moi por encima da media estatal do 57,8 %. Así mesmo, Rodríguez lembrou o "forte impulso" que vive a Formación Profesional, "uns ensinos cada vez máis demandadas, tecnificadas, prestigiadas, e que son sinónimo de emprego e de futuro tal como avalan os datos de inserción laboral que se coñeceron onte mesmo no informe anual".
Sobre isto, puxo como exemplo o Centro Integrado de FP CIFP As Mercedes de Lugo, onde coñeceu de primeira man o traballo realizado polos alumnos do ciclo dual de alta especialización en vehículos de competición, que acaban de preparar unha monopraza Fórmula 3 co obxectivo de polo a proba nunha exhibición do Campionato Galego de Montaña en colaboración coa Federación Galega de Automobilismo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.