18F.- Pontón promete que "non permitirá nunca" que a mina de San Finx verta á ría de Muros-Noia

O BNG denuncia en X que o PP "da mentira e da manipulación, tamén é o das conspiracións"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 17/01/2024 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, comprometeuse a "non permitir nunca" se chega á Presidencia da Xunta que a multinacional que xestiona a mina de San Finx verta "millóns de litros de auga contaminada" á ría de Muros-Noia. A candidata frontista participou na tarde deste mércores nun acto de precampaña celebrado en Porto do Son, onde acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de antepor "os intereses dunha mineira australiana ao futuro de miles de familias que viven da pesca e do marisqueo".

Tuit do BNG
Tuit do BNG | Fonte: PANTALLAZO X

Así, segundo recolle un comunicado, incidiu en que ela e a súa formación teñen "moi claro" que están "ao lado da xente do mar" e das persoas que "vien da pesca e do marisqueo", polo que prometeu que "non permitirá" verteduras "contaminantes" á ría. Ademais, incluíu entre os seus compromisos o impulso dun plan de xestión das rías para tratar de reverter a perda de produtividade e a posta en marcha de "un seguro público" que cubra as perdas eventuais por este problema.

"O PP DAS CONSPIRACIÓNS"

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) replicou á denuncia da secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, quen vinculou á oposición cunha "armazón de manipulación dixital". "O PP da incompetencia, as mentiras e a manipulación agora é tamén o das conspiracións. Están moi nerviosos. E teñen motivo", posteou a conta oficial do BNG.

O comentario na rede social X vén acompañado dun cono envolto en papel de aluminio simbolizando unha icona de 'conspiración' e con debuxo simulando un bot. "Queda só un mes para o #CambioGalego #AnaPontónPresidenta", sentencia o post en X do BNG en resposta á rolda de prensa da dirixente popular.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta