Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/01/2024 | Actualizada ás 10:00
O proxecto 'Noites Teimudas: relatos de fracaso para chegar ao éxito" ten un obxectivo: pasar dunha primeira edición de carácter local a unha segunda edición que leve esta proposta ás sete grandes cidades galegas. Recolle a idea do Fuck Up Nights, un formato de velada orientada a deconstruír a percepción de fracaso e potencialo, en clave de humor, como parte do camiño ao éxito. 'Noites Teimudas' vincula esta idea á realidade cultural e artística galega, ofrecendo monólogos de profesionais, recoñecibles para o público xeral, que explican en clave cómica e informal a historia do seu fracaso antes de chegar ao recoñecemento do que gozan no momento actual.
A primeira edición desde formato celebrouse en 2019 nas cidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo coa participación de nomes da arte e cultura galega como Abraham Cupeiro, Lucía Aldao, Inma López Silva ou Iria Pinheiro, entre outras.
Nesta nova edición 'Noites Teimudas' quere levar os seus relatos de fracaso para chegar ao éxito ás sete grandes cidades galegas e completar os relatos en clave de humor das súas protagonistas, entre eles, o escritor e creador do podcast "Grandes Infelices" Javier Peña ou a propia María Meijide, pintora e artista plástica, con música en directo. Fontes do proxecto expóñen que a idea é que "en cada un dos lugares nos que se celebre, esta iniciativa sexa un espazo de encontro distentido coa palabra, o humor e música". As persoas interesadas en contribuír en 'Noites Teimudas' poden facelo ata o 7 de febreiro na seguinte ligazón de crowfunding.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.