O alcalde de Pontevedra que o rexeitamento ao orzamento crea unha "parálise" de proxectos con fondos UE

Na xunta de goberno celebrada este xoves o Executivo local analizou con especial detalle a situación na que están os proxectos vinculados aos fondos europeos.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 18/01/2024 | Actualizada ás 16:38

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, repasou este xoves os distintos proxectos municipais relacionados con fondos europeos que se están vendo afectados pola "parálise" derivada do rexeitamento por parte do Pleno da Corporación da cuestión de confianza que expuxo vinculada á aprobación dos orzamentos do ano 2024.

Segundo enumerou o rexedor nacionalista, o goberno local tería que aprobar o estudo de situación da vivenda, tal e como estaba comprometido, ou o contrato para o estudo de estruturas municipais onde destacan as pontes sobre o río Lérez. "Pero non pode ser pois temos que paralizar estas accións", lamentou. Na xunta de goberno celebrada este xoves o Executivo local analizou con especial detalle a situación na que están os proxectos vinculados aos fondos europeos.

Na rolda de prensa posterior, Lores explicou que os menos afectados son os proxectos que están xa contratados e adxudicados como o da instalación de cámaras para controlar as Zonas de Baixas Emisións e a rehabilitación integral da Rúa Santiña, que "sufrirán unha demora de dúas ou tres meses".

Para axilizar o máximo posible o inicio da obra para cada unha destas intervencións o goberno municipal xerará crédito por 700.000 euros para que se inicien "canto antes, en marzo a poder ser", un trámite administrativo "que faremos xa", manifestou o alcalde.

Os seguintes proxectos afectados en maior medida son os relacionados cos fondos do PIREP (acrónimo do Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos), ese financiamento foi concedida para a recuperación do antigo conservatorio e das oficinas municipais de Churruchaos. Ambos contan co proxecto feito pero o Concello non pode abrir a licitación e por tanto adxudicar ata que haxa uns novos orzamentos, contando nestes con partidas específicas para tal fin. Neste caso, o alcalde recoñeceu que "os prazos están moi apertados", xa que as obras deberían iniciarse antes de setembro deste ano.

En canto aos fondos adxudicados para Pontevedra pola Fundación Biodiversidade, cun montante próximo aos 4 millóns de euros, cuxo proxecto máis importante é o destape do río Gafos ao seu paso polo barrio de Campolongo, o rexedor volveu a sinalar a falta de orzamento para este 2024 como a clave para o seu atraso. Por iso, dixo que "haberá que buscar outras vías excepcionais de achega municipal para poder contratar a elaboración do proxecto de renaturalización do Gafos". A idea é axilizar "o máximo posible" a redacción do proxecto e iniciar o seu proceso de licitación, que debería estar adxudicado antes de setembro do 2024.

Por último, e xa en relación co proxecto de restauración ambiental do Ben de Interese Cultural (BIC) que discorre pola beira do Lérez, Lores explicou que o Concello está pendente de que "a Xunta aumente o prazo de execución para que podamos elaborar os proxectos". O prazo finaliza a finais deste ano pero "a día de hoxe non hai proxectos nin temos capacidade de adxudicalo", admitiu o alcalde.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores en Pontevedra
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores en Pontevedra | Fonte: Elena Fernández - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta