Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/01/2024 | Actualizada ás 22:00
O 5 de xaneiro, en plena crise pola marea de microplásticos que apareceran en numerosas praias galegas, a Xunta activaba o nivel 1 do seu plan de emerxencias. Ese mesmo día, a Consellería do Mar, unha dos principais departamentos involucrados na xestión desta crise, publicaba no DOUE, o Diario Oficial da UE, a "Campaña de rutas gastronómicas por Galicia utilizando foodtrucks en 2024 e 2025" para impulsar a imaxe dos produtos do mar baixo a marca "Galicia sabe Amar". Esta mesma marca é a utilizada nos últimos días en numerosas insercións publicitarias nos principais medios de comunicación galegos.
Cun orzamento de 1.271.035,59 euros, esta campaña ten coma principais obxectivos informar aos destinatarios sobre a importancia social e económica do sector do mar, poñer en valor a actividade da pesca e o marisqueo en Galicia ou promover unha xestión sostible dos recursos, tanto dende o punto de vista económico, como ambiental e social. Tamén pretende achegar aos consumidores a importancia do consumo de produtos do mar, tanto dende o
punto de vista nutricional, como social e económico e garantir a trazabilidade dos produtos pesqueiros e a súa seguridade alimentaria.
Precisamente, nas últimas semanas un dos principais argumentos utilizados pola Xunta en contra de partidos da oposición, asociacións ambientalistas e sociais é que as súas críticas pola marea de micropláticos está afectando, e moito, ao sector pesqueiro. De feito, hai uns días a propia vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, denunciaba a mala imaxe que a manifestación deste domingo daba aos produtos marisqueiros e pequeiros de Galicia.
No prego deste concurso público, a Consellería do Mar insiste en que no actual contexto "faise máis importante que nunca satisfacer as necesidades dun consumidor que se estaba a debuxar nos últimos anos como altamente esixente" e "prestar apoio e saída a un sector que precisa máis ca nunca potenciar, difundir e promocionar os sectores e produtos pesqueiros galegos e acuícolas, co fin de intensificar o coñecemento e consumo dun alimento sostible e de proximidade".
Mar lembra que xa puxo en marcha en 2022 unha campaña de comunicación co lema: “Galicia sabe AMAR”. "Esta campaña pretende dar un xiro a tendencia descendente de consumo de produtos do mar entre os/as consumidores galegos/as, e deseñar accións que favorezan o seu consumo, tendo en conta a situación actual", aclara.
ESPECIFICACIÓNS
Esta nova campaña, paralela á publicitaria nos medios de comunicación, consistirá na realización de degustación de produtos do mar maridados con produtos da terra. Os produtos a utilizar serán preferentemente de calidade diferenciada ou marcas de calidade.
A actividade será desenvolvida por catro food truck que farán diferentes rutas, centrándose nos principais concellos de Galicia. As degustacións serán continuas utilizando pinchos para o público asistente, co obxectivo de reforzar a campaña “Galicia sabe AMAR”.
"Os vehículos deberán ir completamente rotulados coa imaxe corporativa da campaña e os
cociñeiros/as e camareiros/as levarán tamén equipamento co lema da campaña", segundo recollen as cláusulas do concurso. Durante o ano 2024 realizarase a actividade durante 6 meses, preferentemente entre o mes de maio ao mes de outubro. No ano 2025 a actividade terá 9 meses de duración, preferentemente dende febreiro a outubro.
As actividades desenvolveranse durante cinco días a semana, en horaria de mañá e/ou tarde.
Para cada food truck o número mínimo de degustacións (cun máximo de dúas por día e food
truck) será: 150 degustacións en 2024 e 200 degustacións en 2025 por cada food truck O número mínimo de degustacións totais será: 600 degustacións en 2024 e 800 degustacións en 2025. As actividades desenvolveranse nos núcleos urbanos principais arredor das rutas,
preferentemente en concellos de máis de 1.000 habitantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.