Sito Miñanco, 5 veces reincidente, volve saír do cárcere: "Ten os medios para coller o primeiro avión e fuxir de España"

Aos seus 68 anos, e tras cumprirse o tempo máximo legal previsto en prisión preventiva (dous anos prorrogables a outros dous) pola súa detención do ano 2018 (Operación Mito), Miñanco queda libre, ata que a Audiencia Nacional comece o xuízo pertinente, que se especula que podería ter lugar no primeiro semestre deste 2024, aínda que non se sabe nada oficial. A Fundación Galega Contra o Narcotráfico amósase "alarmada".

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 24/01/2024 | Actualizada ás 21:15

Comparte esta noticia

José Ramón Prado Bugallo, alias Sito Miñanco, aos seus 68 anos, volve a desfrutar de permisos penitenciarios, por sexta vez na súa vida. A pesares de que en todas as súas saídas do cárcere anteriores aproveitou para volver delinquir, o que supón un total de cinco veces, poñéndose novamente á fronte da súa organización e dirixindo e comercializando novos envíos de droga (cocaína, principalmente). Non hai motivos para pensar que esta vez pode ser diferente, pero ten o dereito legal a saír, aínda que teña pendiente un xuízo polo que piden outros 29 anos de prisión acusado de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico dentro da Operación Mito. Estamos falando dunha operación que conta xa con seis anos ás súas costas, pois as detencións pola mesma remóntanse ao 2018. Como pode ser que aínda non se celebrasen os xuízos pertinentes? Así vai a Xustiza en España, con falta de persoal e medios para atender estes macroprocesos, o que os dilata tanto no tempo que aos narcotraficantes sáelles barato o conto.

Sito Miñanco á saída do xuízo por branqueo de capitais
Sito Miñanco á saída do xuízo por branqueo de capitais | Fonte: Arquivo

O capo de Cambados cumpriu fai varios meses o máximo legal previsto en prisión preventiva (dous anos prorrogables a outros dous) pola súa detención do ano 2018 (Operación Mito) e mantíñase privado de liberdade en virtude da sentenza polo lavado de diñeiro ditada pola Audiencia Provincial de Pontevedra no 2020. Pero o tempo foi pasando e os permisos para gozar de saídas xa son oficiais. "Sabemos que xa desfrutou dalgún permiso e ten outros en curso solicitados", conta Fernando J. Alonso, xerente da Fundación Galega Contra o Narcotráfico a Galicia Confidencial, alertando de que "isto é algo que nos preocupa, aínda que máis que de preocupación habería que falar de alarma, porque nas condicións nas que se conceden esas saídas os riscos son moi grandes, en primeiro lugar, os riscos de fuxida e, en segundo lugar, os riscos de reincidir na súa actividade, algo que vén sendo habitual". Cabe recordar que ata en cinco ocasións volveu ás andadas tras o cárcere. Por que esta vez ía ser diferente?

Para o xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico está claro que non hai nada que faga pensar que Miñanco non volva ao mundo do tráfico de drogas. Ademais, a fuxida é unha posibilidade que debe contemplarse seriamente tendo en conta que "ten pendente un xuízo polo que lle van pedir case 30 anos de prisión". "Sabendo que esta persoa ten contactos por medio mundo e recursos máis que suficientes para poder fuxir, danse todas as condicións para que o faga, o cal preocúpanos, lóxicamente", evidencia Alonso. Non pode comprender como tendo un xuízo pendente pola Operación Mito, "na que volveu caer mentres estaba en liberdade condicional desfrutando do terceiro grao e traficando ao mesmo tempo", se plantexa a posibilidade de volver deixalo libre: "Estaba desfrutando de beneficios penitenciarios dos que se aproveitaba para traficar e realizar transportes de miles de quilos de cocaína". 

"NON PODEMOS AGARDAR SEIS ANOS PARA XULGAR UNHA DAS BANDAS MÁIS PODEROSAS DO NARCOTRÁFICO EN EUROPA"

Estes feitos remóntanse a febreiro de 2018, "e estamos no 2024, seis anos pasaron e non podemos seguir esperando polo xuízo", lamenta Alonso, que pon tamén o acento na lentitude dos xulgados neste tipo de casos: "Temos que axilizar a nosa xustiza e non podemos agardar tanto tempo para xulgar a unha das bandas máis poderosas do narcotráfico de Europa, como no seu momento se lle denominou oficialmente ao ser detida, denominación coa que estamos totalmente de acordo". "Unha banda desa importancia e desa magnitude e dese potencial delictivo non pode estar seis anos agardando un xuízo, porque moitos deles (como é agora o caso de Sito Miñanco), mesmo remataron o período máximo de estancia en prisión preventiva e están xa en liberdade", denuncia o xerente da fundación, que apunta que "o caso de Sito Miñanco é moi mediático e, quizáis, o que máis atención atrae, pero diariamente prodúcense moitas destas cuestións: habitualmente hai traficantes que cando se deteñen están pendentes de xuízo ou disfrutando dun permiso penitenciario".  

O narcotraficante Sito Miñanco, á súa chegada aos xulgados
O narcotraficante Sito Miñanco, á súa chegada aos xulgados | Fonte: Europa Press - Arquivo

Respecto ao risco de fuga de Miñanco, Alonso apunta que "hai moitos exemplos de narcotraficantes que se fugaron durante permisos penitenciarios, e hai que evitalo, porque non se trata de que non teñan o dereito, porque téñeno ao igual que calquera outra persoa, pero si que debemos restrinxir eses dereitos e concedelos dunha forma máis rigurosa, aplicándoos con maior rigor e adaptando as súas condicións á gravidade do delito que poden cometer, do que cometeron e do potencial de fuxida que presente cada preso". No caso do narcotraficante cambadés, o tema pilloulles por sorpresa, xa que "fai non moito tempo denegáranlle un permiso extraordinario que pedira por razóns persoais, e agora dánselle permisos ordinarios, de máis fácil concesión e de máis recurrente concesión". "Non é calquera tipo de interno e, polo tanto, non pode desfrutar dos permisos como calquera, é unha cuestión de seguridade, porque máis alá de que se trate dunha persoa ou doutra, cos grandes narcotraficantes deberiamos ser moito máis rigurosos nese tema, porque xogámonos moito", conclúe Alonso.

"TEN RECURSOS PARA PODER MARCHARSE DE ESPAÑA E VIVIR FOLGADAMENTE Á MARXE DA XUSTIZA EN CALQUERA LUGAR DO MUNDO"

E se non se produce unha fuga, alo menos semella que a reincidencia está practicamente garantida, porque o narcotráfico é algo que "este home leva facendo toda a vida, non sei por que razón non o ía seguir facendo". Neste punto, Alonso recorda que moitos destes grandes capos da droga "seguen movendo os fíos dende o cárcere, para canto máis coas facilidades que teñen se están fóra". Sumando todos estes aspectos, como indice o xerente da fundación, "estáselle poñendo unha alfombra vermella para coller o primeiro avión que lle saque de España". "Debemos ser moito máis rigurosos na aplicación dos permisos, e ir con moitísimo coidado para evitar que haxa fugas, para despois non arrepentirnos das consecuencias", asegura Alonso, que agarda que non sexa o caso de Miñanco pero, de selo, "advertidos están".

Por outra banda, hai que ter en conta que Miñanco fóra do cárcere podería volver a levar unha moi boa vida, desfrutando de propiedades que mesmo non sean coñecidas a día de hoxe ou que estén intervidas, pero non decomisadas. Como apunta Alonso, "el está condenado por branqueo de capitais derivados do narcotráfico, o que supuxo o decomiso dunha empresa inmobiliaria a través da cal movía unha gran parte da compra de propiedades, sendo propietario de moitas vivendas que lle foron decomisadas", pero "agora cando volva ter o xuízo pendente, váiselle procesar polo tráfico de cocaína e por branqueo de capitais procedentes do tráfico de drogas, polo tanto, pode ser que teña máis propiedades". E é que, tal e como presupón a propia policía, "ten recursos máis que suficientes para poder marcharse de España e vivir folgadamente á marxe da xustiza en calquera lugar do mundo". 

MÁIS DETIDOS NA MITO REINCIDINDO: UN MEMBRO DA ORGANIZACIÓN DE MIÑANCO DETIDO EN SENEGAL NUNHA PLANEADORA CON COCAÍNA EN DECEMBRO 

E é que a Audiencia Nacional, órgano competente na Operación Mito, conta con grandes atrasos. O maior despregue policial contra o narcotráfico galego dende a Operación Nécora, saldado con máis de 50 detidos e preto de 5.000 quilos de cocaína incautados no buque Thoran e nun contedor en Holanda, segue á espera dunha data para o comezo das sesións plenarias. Agardábase que puidesen ser no primeiro semestre deste 2024, pero non hai nada oficial e estes detidos seguen agardando, sen moita preocupación, polo seu destino, mentres desfrutan de liberdade vixiada, en moitos casos, como é agora o de Sito Miñanco. Sen ir máis lonxe, como exemplifica o xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, "en decembro colleron en Senegal a varias planeadoras con cocaína e un dos que ía nas planeadoras era, precisamente, outro membro desa organización que está pendente do xuízo da Operación Mito". 

DETENCIÓNS: 1983, 1994, 1997, 2001 e 2018

- A comezos dos anos de 1980 iniciouse no contrabando de tabaco a través dunha das tres organizacións máis fortes do momento, a ROS. En 1983 foi detido por unha operación de contrabando de tabaco rubio, pasou seis meses na prisión de Parda e despois foi trasladado ao cárcere de Carabanchel, en Madrid, onde estivo recluído dous meses máis. Alí estableceu contactos con membros do Cartel de Medellín, como Jorge Luis Ochoa. 

- Foi quen de quedar á marxe da Operación Nécora, pero en 1994 foi detido en Pozuelo de Alarcón por introducir en España 2,5 toneladas de cocaína en 1990. Foi condenado pola Audiencia Nacional a 20 anos de prisión por tráfico de drogas, evasión de divisas e falsidade de documentos.

- O 8 de xullo de 1997 foi detido en Vigo, preto do Estadio de Balaídos, polo desembarco de 6 toneladas de haxix.

- De novo foi detido en Madrid o 16 de agosto de 2001, logo do apresamento dun alixo de 5 toneladas de cocaína mar afóra, preto da Guaiana Francesa. Nese momento estaba en liberdade condicional logo de cumprir sete dos 20 anos aos que fora condenado, pero foi detido de novo no seu chalé de Villaviciosa de Odón, en Madrid, cando supervisaba a operación de trasvase de 5 toneladas de cocaína en augas internacionais. En xullo de 2004 a Audiencia Nacional condénao a 16 anos e 10 meses de cárcere como presunto líder dunha organización internacional de narcotraficantes. 

- En febreiro de 2010 foi trasladado á prisión de Huelva. Nese tempo, a Axencia Tributaria descubriu unha trama societaria que administraba negocios e tendas en Vilagarcía de Arousa, a través dos cales Miñanco branqueaba os cartos do narcotráfico. O 10 de xuño de 2011 concedéuselle un permiso penitenciario de tres días. Dito permiso fora inicialmente denegado por alto risco de fuga, ademáis de que continuaba levando a cabo actividades delictuosas no cárcere. E, malia a súa condición de preso FIES (Ficheiro de Internos de Especial Seguemento) non se lle intervirán as súas conversas telefónicas. O director da prisión onubense, Francisco Sanz, foi destituído do cargo o 21 de decembro dese ano por "perda de confianza". Segundo Institucións Penitenciarias, Sanz recibía agasallos, entre eles dous vehículos Mercedes-Benz por parte de narcotraficantes, a cambio de melloras nas súas condicións de prisión.

- En febreiro de 2018 foi detido en Alxeciras, cidade onde residía en réxime de terceiro grao penitenciario, e enviado a prisión acusado de ser o máximo responsable dunha rede que distribuía cocaína a Italia, Albania e Holanda. Con el foron encarceradas outras 20 persoas que presuntamente formaban parte da organización. Os axentes da Policía Nacional atoparon durante o rexistro un informe plastificado co guión da serie de televisión 'Fariña', antes da súa emisión. Posteriormente, Miñanco foi descuberto intentando introducir 6.000 euros na prisión para "deixar claro o seu status" entre o resto de presos. A finais dese mesmo mes foi levado ao centro penitenciario da Lama para a vista oral nun xuízo por branqueo de capitais na Audiencia Provincial de Pontevedra, e declarouse en folga de fame.

Sito Miñanco
Sito Miñanco | Fonte: Europa Press - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Julai

Jajajajaja así vai a xustiza aquí, ben por el, está a rirse de todos

1 Gamela

Eu reduciríalle 10 anos a cambio dunha información que deberamos coñecer tódolos galegos: o "papaostias" do Fiscal Xeral do Estado xurista " de reconocido prestigio " pasou 4 anos pescudando a relación entre os incendios e o Narcotráfico en Galicia, pero o espabilado concluíu que non habia relación algunha ! Os incendios foron entre o 3 ao 15 de agosto de 2006, arderon 90.000 Ha. e o último día apareceu un Submarino abandonado nas Cíes... Eu sinceiramente regalaríalle 10 anos de liberdade a cambio da información precisa para demostrar que o que hoxe é Fiscal Xeral ademáis de corto é un covarde !