Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2024 | Actualizada ás 18:19
Ecoloxistas en Acción fixo un chamamento aos voluntarios para "manter o esforzo" na limpeza de praias tras a vertedura de pélets que afecta á costa galega ante o "insuficiente" operativo da Xunta.
A organización ecoloxista considera "insuficientes" os recursos destinados polo Goberno galego aos labores de retirada de pélets e denuncia a "escaseza" de persoal de Tragsa. Así, alerta de que "canto máis tempo permaneza no medio mariño esta vertedura, máis probable é que afecte persistentemente ao ecosistema a través da cadea trófica".
"Levamos varias xornadas de limpeza en varias praias das Rías Baixas e só unha vez coincidimos cunha cuadrilla de Tragsa. A Xunta di que ten 200 persoas limpando para toda a costa galega coma se iso fose moito, cando nós estivemos máis de 100, entre voluntariado organizado e particulares, toda unha xornada na mesma praia e non quedar totalmente limpa", expuxo o portavoz de Ecoloxistas en Acción, Xaquín Pastoriza.
Así mesmo, denuncia que se "esconde a gravidade do problema por interese electoralista", algo que proba, sinala, a "irresponsable prema coa que se rebaixou o nivel de alerta sen unha avaliación adecuada". Por iso, Ecoloxistas en Acción insta á Xunta a pór os medios "adecuados" para combater esta contaminación, "se de verdade están preocupados pola xente do mar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.