18F.- A Rede Galega contra a Pobreza esixe aos partidos poñerse as pilas no acceso á vivenda e crear un cartón básico

A Rede Galega contra a Pobreza (EAPN Galicia) presentou este luns un documento con 79 propostas englobadas en 10 grandes demandas e catro principios de actuación para propor aos partidos políticos, de face ás eleccións do 18 de febreiro e a nova lexislatura, accións que permitan "seguir xerando un escudo de protección" contra a pobreza e a exclusión social en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2024 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia

A Rede Galega contra a Pobreza (EAPN Galicia) presentou este luns un documento con 79 propostas englobadas en 10 grandes demandas e catro principios de actuación para propor aos partidos políticos, de face ás eleccións do 18 de febreiro e a nova lexislatura, accións que permitan "seguir xerando un escudo de protección" contra a pobreza e a exclusión social en Galicia.

Os responsables desta entidade, Ana Pardo, Miguel Rodríguez e Begoña Hermida, foron os encargados de desagregar as diferentes medidas que propoñen, de entre as que destacaron dúas: as referidas ao acceso da vivenda e a recursos económicos a través dun Cartón básico, dado que o "prioritario" é "garantir a cobertura das necesidades básicas". "É difícil avanzar noutros procesos cando non temos unha seguridade de base", dixeron.

A entidade considera que en Galicia hai "unha emerxencia no acceso a vivenda" que pon "á poboación en notable vulnerabilidade polo esforzo que ten que facer para soster unha vivenda digna". Tamén existen, alertan, "notables esterepotipos" que "se vinculan ao rexeitamento á poblacion en situacións máis vulenrables", polo que apostaron por "xerar unha sociedade máis disposta a acoller".

Os responsables de AEPN Galicia esixiron que se garanta "o respecto ás pesoas en situación de pobreza ou excusión" e que se permita a súa "participación social", así como "máxima coordinación administrativa" na loita contra a pobreza e as súas causas. Tamén incidiron en reforzar as actividades do terceiro sector, un "dos máis precarios a nivel laboral" porque depende de partidas que cambian cada ano. "Para atender con calidade ás persoas necesitamos unha estabilidade", apuntaron.

15 PUNTOS CRAVE

Como resumo do seu documento de propostas, trasladaron aos medios de comunicación 15 puntos coas iniciativas máis relevantes, entre as que sitúan a creación dunha consellería específica dedicada á materia de vivenda, a erradicación da infravivenda e o chabolismo con horizonte 2030 ou a esixencia de que se triplique o parque público de vivenda ata chegar ás 11.400 en 2028 e ás 22.800 en 2030. Na mesma liña, apostan por reducir un 50 % o número de persoas sen fogar ao final da próxima lexislatura.

En materia económica, EAPN Galicia reclama a implantación do Cartón Económico Básico de Emerxencia, que estivo activo durante a pandemia; a posta en marcha da nova Lei de Garantía de Ingresos de Galicia, en substitución da actual Lei de Inclusión Social; a tramitación da Lei Galega da Infancia e a elaboración dun plan de apoio a familias monoparentais.

Tamén ven "urxente" a necesidade de elaborar un plan de accesibilidade universal para "asegurar a liberdade de movementos ás persoas con discapacidade ou dependencia" e a implantación de medidas contra a "pobreza rural", como que se garanta unha distancia máxima de 30 minutos a servizos básicos, como centros de saúde, e cámbiese o modelo de atención a persoas maiores, dependentes e con discapacidade.

Este 2024, EAPN Galicia propón aos partidos que se abran centros 24 horas de atención integral a vítimas de violencia sexual nas sete grandes cidades galegas. Xa de face a facilitar o labor das entidades do terceiro sector, EAPN propón que se transformen as medidas que afectan a estas asociacións para asegurar procesos integrais e financiamento estable, a elaboración dun plan autonómico de redución da burocracia e a simplificación dos trámites e a elaboración da lei do Terceiro Sector de Galicia, unha "demanda histórica" que confían en que poida "verse cumprida esta lexislatura".

Pobreza. Persoa pedindo esmola
Pobreza. Persoa pedindo esmola | Fonte: EP - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta