Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2024 | Actualizada ás 18:04
O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), en colaboración co Instituto de Investigacións Biomédicas Sols-Morreale (IIBM CSIC-UAM) descubriron un tipo de compostos químicos que actúan sobre as células nai de cancro, diminuíndo o seu potencial para xerar tumores.
Segundo trasladou a USC a través dun comunicado, o equipo está liderado polo profesor da USC José Luís Mascareñas xunto a biólogos celulares do CSIC, coordinados polo doutor Bruno Sainz. O laboratorio do profesor Mascareñas desenvolveu investigacións ao redor de moléculas baseadas en complexos metálicos capaces de interaccionar de forma selectiva co ADN, permitindo ao grupo do doutor Sainz facer estudos máis extensos con ratos con tumores implantados de pacientes que "demostran o potente efecto antitumoral dos compostos".
Así, os científicos conseguiron demostrar efectos anticancro en tumores de páncreas, colorrectais e osteosarcoma, con pouca toxicidade secundaria, aínda que xa se están levando a cabo estudos sobre outros tipos de cancro. O equipo investigador relatou que o novo composto, denominado Ru1 "promove un descenso na expansión de xenes necesarios para a respiración mitocondrial que as células nai de cancro necesitan para sobrevivir e evadir as defensas do sistema inmune, fonte de enerxía principal destas células, polo que perden o seu potencial canceríxeno".
EFECTOS ADITIVOS
Ademais, o grupo do doutor Sainz demostrou que é posible realizar terapias combinadas con outros axentes antitumorais, que conseguen efectos aditivos. Os resultados preliminares do traballo científico poden consultarse no Journal of Experimental & Clinical Cancer Research.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.