Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/01/2024 | Actualizada ás 22:15
O 23X marcou un antes e un despois da confianza dos grandes partidos políticos nas enquisas electorias. Practicamente todas daban como gañador absoluto das mesmas, mesmo con maioría absoluta, ao líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, pero a realidade foi moi, moi diferente. O PSOE superou todas as previsións e os seus 122 deputados lle serviron para tecer novas alianzas e afrontar, así, a súa segunda lexislatura consecutiva a custa de cesións e pactos complicados e confliticos.
A única enquisa que daba uns resultados diferentes naquela altura foi a do CIS que unha semana antes das eleccións aventuraba un empate entre socialistas e populares, aínda que con mellores resultados para o PSOE. Finalmente, a balanza inclinouse cara ao PP aínda que por moi pouco marxe.
Precisamente, a enquisa do CIS volve ser a que máis resultados dispares presenta nos comicios galegos. É a única que abre a porta a que o PPdeG perda a maioría absoluta, cunha pinza de entre 36 E 38 escanos, eleva o teito do BNG ata os 23 cun mínimo de 20 e dálle ao PSdeG entre 17 e 18 deputados, entre tres e catro deputados máis que os actuais. A Sumar e Democracia Ourensá dálles posibilidades de entrar con entre cero e dous e cero e un, respectivamente.
Pero ata aquí as boas noticias para o bloque da oposición en Galicia porque todo o resto de enquéritos reflexa unha realidade ben diferente. En todos a maioría absoluta do PP está consolidada ben sexan os publicados por medios da dereita, como El Mundo ou La Voz, ou por medios vinculados ao BNG, como Nós Diario.
O EFECTO DOS INDECISOS E DOS FEITOS IMPREVISTOS
En todo caso, tanto dirixentes como analistas políticos, son moi prudentes á hora de valorar as enquisas ou, mesmo, crer fielmente nelas. No PPdeG teñen moi presente o que aconteceu no 23X e cren que, precisamente, a publicación de sondaxes favorables xogou en contra do partido.
Ademais, a campaña galega pode servir como revulsivo, e tamén poden xurdir imprevistos ou crises, como aconteceu coa polémica dos microplásticos que poden facer cambiar a opinión dos e das electoras, así como unha mala campaña por parte dos candidatos. De feito, un dos datos das enquisas publicadas que máis preocupa a todos os partidos é a gran maioría de indecisos, entre un 30 e 40% que aínda non ten decidido o seu voto para o 18F. Unha porcentaxe importante que pode cambiar completamente o actual resultado das enquisas.
ENQUISAS
Ata o momento, a maior parte das enquisas dan unha vitoria contundente do Partido Popular en Galicia. O diario El Mundo outorgaba ao PP unha pinza de entre 38-41, ao BNG de 18-19 e ao PSOE, de 15-17 o pasado 15 de xaneiro. Unha anterior, de 'El País' mantiña a mesma situación que a que hai actualmente: PP (42), BNG (19) e PSOE (14).
Pola súa banda, Sondaxe para La Voz deu ao PP 39 deputados; ao BNG, 20; ao PSOE, 15; e a Sumar, 1. Nós Diario sitúa tamén con 39 escanos aos populares, fronte aos 22 que lle dá ao BNG, os 13 do PSdeG-PSOE e un máis para DO.
AS ÚLTIMAS
A última en coñecerse, elaborada por DemosGal para o grupo Editorial La Capital outorgaba este domingo ao PPdeG de Alfonso Rueda a maioría absoluta con 40 deputados, dous menos dos que ten actualmente. Ademais, sinala que o BNG de Ana Pontón baixaría e pasaría a 18 escanos, fronte aos 19 actuais. Os tres escanos que estarían en xogo recolleríaos o PSdeG de José Ramón Gómez Besteiro, que pasaría de 14 a 15 e seguiría como terceira forza política, mentres que lle dá a Sumar, a formación de Yolanda Díaz, dous deputados, un por cada provincia atlántica (A Coruña e Pontevedra).
Outro inquérito publicado este sábado por Grupo El Progreso tamén lle dá ao PPdeG a reválida da súa maioría absoluta no Parlamento galego con entre 40 e 42 deputados, mentres que o BNG mantería os 19 escanos no mellor dos casos e o PSdeG continuaría como terceiro partido da Cámara galega con entre 14 e 17 representantes. Esa mesma enquisa, elaborada por Infortécnica, tamén abre a porta á entrada de Democracia Ourensá e de Sumar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.