Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2024 | Actualizada ás 13:33
O secretario xeral do PSdG-PSOE, Valentín González Formoso, catalogou de "caos na mobilidade" o transporte público por estrada nas concesións da Xunta, que segundo o socialista "ten moi encabuxada á cidadanía e absolutamente con razón".
Nunha comparecencia na estación de autobuses de Ferrol, en compañía doutros representantes socialistas desta comarca, sinalou que "a Xunta aprobou unhas concesións de transporte que deixan fóra de xogo a practicamente toda a cidadanía", con "cada vez menos frecuencias, co rural absolutamente abandonado" e que "practicamente todas as frecuencias que había antigamente foron eliminadas".
No ámbito metropolitano e urbano detallou que "falta en toda A Coruña un consorcio metropolitano que garanta unha mobilidade aos traballadores das vilas que rodean A Coruña e que se conecten cos polígonos industriais", mentres que "hai problemas constantes coa liña Ferrol-A Coruña por Betanzos e por Pontedeume, que suprime frecuencias, que moitas veces os mozos que vai ás universidades queda na plataforma porque non hai autobuses suficientes".
Ante este panorama, González Formoso asegurou que "a proposta do Partido Socialista vai ser recuperar as paradas e as frecuencias anteriores á última concesión da Xunta, un gran desafío para nós e unha aposta polo autobús no ámbito urbano e no ámbito rural", para desta maneira "recuperar esa mobilidade e ese servizo público, que para nós vai ser unha absoluta prioridade".
FALTA DE TREN
A preguntas dos medios de comunicación, sobre as deficiencias que presenta o servizo ferroviario na cidade de Ferrol, González Formoso asegurou que "é unha discriminación a esta comarca e que a incorporación á rede básica europea desta liña, que está conseguida no Parlamento Europeo, permite que os fondos europeos vaian financiar esta liña", o que lle valeu para "non cesar o empeño e ademais garantimos e pomos a nosa palabra por diante de que esta liña Ferrol-A Coruña vai ser unha liña prioritaria para o Goberno de España, porque así o imos a esixir e ademais entendemos que é unha mensaxe perfectamente recibida no Goberno".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.