A Asociación de pacientes do CHUS denuncia "condicións lamentables" no Hospital de Día Oncolóxico

Enumeran varios puntos a mellorar e amosan o testemuño de Cristina Q.N. filla e acompañante dunha paciente oncolóxica.

Por Galicia Confidencial | | 31/01/2024 | Actualizada ás 13:23

Comparte esta noticia

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia as condicións en que están sendo atendidos os pacientes oncolóxicos que deben recibir tratamento no hospital de día. A sala de espera é claramente insuficiente para os pacientes e os seus acompañantes e a solución que se buscou para esta situación foi situar asentos nunha zona de paso por onde transitan quen vai a outras especialidades ou ao ascensor.

Alimentación mencionada
Alimentación mencionada | Fonte: Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS

Apunta que hai que ter en conta que os pacientes oncolóxicos son persoas co sistema de defensas deteriorado, que quedan máis expostos, se cabe, a contraer outra enfermidade e, dito sexa de paso, asentos pouco confortables para quen ten reducida a súa mobilidade, caso frecuente nesta sección. Amosan o testemuño de Cristina Q.N. filla e acompañante dunha paciente oncolóxica de dito Hospital. 

Aseguran que as condicións en que se atopan as persoas que reciben tratamento supón que non poidan estar moito tempo sen comer e, como na práctica pasan case todo o día, fai que se lles proporcione comida. "O que reciben como xantar componse dun bocadillo, unha peza de froita e un iogur. Se isto non parece o máis indicado para pacientes maiores ou con malestar que lles impide tolerar calquera tipo de alimento, se miramos en que se concreta a conclusión é moito peor, pois o bocadillo é de embutido e a froita está xa pasada", afirman. 

A atención recibida por parte do persoal sanitario é valorada moi positivamente polos usuarios do servizo, pero é evidente que a dotación resulta insuficiente. Polo tanto, desde a asociación esixen unha vez máis á xerencia e ao xefe do servizo que as condicións do Hospital de Día Oncolóxico, que se axusten aos estándares de calidade e recomendacións do Ministerio de Sanidade publicadas no ano 2009. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta