Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 31/01/2024 | Actualizada ás 21:59
A plataforma de arte urbana Street Art Cities daba a coñecer este 31 de xaneiro o resultado do seu certame para escoller o mellor mural realizado en todo mundo durante 2023. As votacións do público a través da rede levaron a tres traballos galegos a copar o podio do concurso. A obra que o madrileño Hugo Lomas Sfhir realizou en Fene no marco do I Perla Mural Fest foi seleccionada como vencedora.
Segundo apunta a web do certame, Sfhir "utilizou con destreza a forma do edificio, incluíndo o patio, para integrar o mural coa estrutura, dando á luz un magnífico violonchelo tocado por unha violonchelista. Ao contemplalo, non só a súa inmensidade fai que te sintas pequeno, senón que tamén che cativa e non podes apartar a ollada. A parte encantadora é que á noite parece cobrar vida; na zona da mazá, cando os veciños acenden as luces da escaleira, os trastes do violonchelo ilumínanse, creando unha marabilla visual".
Canda el, dous nomes galegos, con traballos realizados tamén en Galicia, copan o segundo e o terceiro posto do certame. Segundo recoñece a conta de Instagram de Street Art Cities, "Galicia xa demostrou que esta rexión está cargada de talento e este ano confirman o seu status como finalistas ao mellor mural do 2023".
A dona do esteiro, que a viguesa Lula Goce pintou na Ramallosa, en Nigrán, obtivo o segundo posto do concurso, mentres Copora, que o lucense Manuel Pallín, Yoe 33 realizou na Cidade da Muralla quedou terceiro. Estas eran as únicas candidaturas galegas que aspiraban ao galardón. O tamén lucense Diego As fixérase co primeiro premio do certame en 2021.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.