Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2024 | Actualizada ás 13:28
O Diario de Oficial de Galicia publicou este xoves as axudas extraordinarias e directas por valor de 4 millóns de euros para paliar os custos básicos do sector marisqueiro. O Consello da Xunta aprobaba esta liña de subvención o xoves 25 de xaneiro, tal e como o informaba o propio presidente, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior.
As axudas buscan "garantir a sustentabilidade da actividade marisqueira" e "contribuír a compensar a caída dos ingresos económicos provocados polas incesantes precipitacións" que tiveron lugar desde mediados de outubro ata mediados de novembro de 2023 e que ocasionaron unha mortalidade "severa" nas poboacións de bivalvos dos bancos marisqueiros. Estas axudas, de fondos propios, permitirán aos mariscadores asumir custos básicos da actividade como o abono da cota da Seguridade Social.
Serán un total de 550 euros por persoa que beneficiarán a uns 7.061 profesionais, 3.087 do marisqueo a pé e outros 3.947 desde embarcación que contan con permisos de explotación (permex) en vigor. O cálculo da axuda faise con base no pago de 254,49 euros que pagan de media as mariscadoras a pé e os tripulantes polas súas cotizacións ao sistema, que en dous meses ascenden a 508,78 euros.
A axuda cobrarana todas aquelas persoas que non chegasen a alcanzar durante o conxunto dos meses de outubro e novembro de 2023 o equivalente a cinco veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM), fixado na actualidade nos 600 euros ao mes, que situarían o límite nos 3.000 euros. Aquelas persoas que estivesen a cobrar prestacións (baixa ou cesamento de actividade) deberán achegar a cifra de ingresos para ver se de forma combinada cos ingresos por marisqueo, alcanzan o citado nivel.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.