O "silencio obrigado" de Rueda despois dos Consellos da Xunta

A Xunta Electoral acepta unha denuncia do PSdeG que lle impide falar doutros temas que non sexa estritamente os falados na reunión semanal do seu Executivo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/02/2024 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

Alfonso Rueda queda sen un dos seus principais escaparates mediaticos, as roldas de prensa posteriores ao Consello da Xunta. O presidente galego ten que autoimpoñerse un "silencio obrigado" motivado por unha denuncia ante a Xunta Electoral do PSdeG. Os socialistas devolven deste xeito un golpe anterior feito por Feijóo, quen tamén recurrira ante a Xunta Electoral Central o altofalante que Pedro Sánchez tiña nas roldas de prensa posteriores ao Consello de Ministros antes dos comicios do 23X.

Rueda realiza declaracións tras o Consello da Xunta.. DAVID CABEZON @ XUNTA
Rueda realiza declaracións tras o Consello da Xunta.. DAVID CABEZON @ XUNTA

Nesta cita semanal os xornalistas aproveitan para preguntarlle de todo, especialmente, e nas últimas semanas, sobre temas electorais e de máxima actualidade. Pero agora, a resolución da Xunta Electoral proíbelle ao presidente galego falar máis alá dos contidos do Consello da Xunta. Por iso, este xoves, foi moi cauto á hora de pronunciarse. "O PSOE denunciou esta rolda de prensa e por iso só podo respostar a contidos estritos do Consello", dixo. "Estou a cumprir a legalidade porque houbo un recurso que foi estimado e teño que facer o que estou facendo agora", repetiu ao insistir os informadores.

Con todo, Rueda aproveitou esa nova xuntanza semanal do seu executivo para facer anuncios que a oposición ten criticado por electoralistas, entre eles, o anuncio do pago das pensións contributivas --que o ano pasado se fixo en marzo--, os 18 millóns para infraestruturas deportivas en Ferrol, 3,8 millóns para traballos contra incendios en colaboración coa Deputación de Ourense, 4,4 millóns de subvencións para os artesáns, 1,5 en axudas a emigrantes que queiran investir en Galicia ou 2,7 millóns para os concellos que queiran "embelecer" o litoral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta