Premio Abrente, 1ª actividade da 40ª edición da MIT de Ribadavia

O prestixioso festival internacional de Artes Escénicas celebrarase do 19 ó 27 de xullo de 2024.

Por Galicia Confidencial | Ribadavia | 03/02/2024 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Veñen de aprobarse as bases do Premio Abrente, primeira actividade da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, que este ano chega á súa 40ª andaina. O premio, que chega este ano á súa 19ª edición, aumenta a súa dotación ata os 4.000 € e segue garantindo o apoio da edición e da escenificación das obras dramáticas gañadoras. 

Presentación do Premio Abrente. Foto: Prensa MIT.
Presentación do Premio Abrente. Foto: Prensa MIT.

A MOSTRA DE TEATRO

En Ribadavia xestouse unha oportunidade internacional de relación sostible da creación escénica galega coa exterior. Foi hai 40 anos, despois da etapa do teatro independente e da Transición. Hoxe, vai chegando, paseniño, a cotas de prestixio internacional. Segundo o Informe anual do Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, publicado hai uns días, a MIT é o único proxecto cultural destacable das provincias do interior galego -Lugo e Ourense- en 2023.

"Este feito, lonxe de contentarnos, obríganos a pensar na febleza e precariedade do sistema cultural galego e da súa pouca relevancia a nivel estatal ou internacional", explican dende a organización.

A MIT mantén a día de hoxe as súas accións e compromisos grazas a dous factores claros nos últimos anos: o crecemento do público e o respaldo económico do Ministerio de Cultura. Grazas a iso, a veciñanza de Ribadavia en particular e os galegos e galegas en xeral ven a esta vila ourensá como a súa capital teatral, cunha oferta de primeiro nivel, nun contexto patrimonial excepcional.

O PREMIO ABRENTE

O Premio Abrente foi apoio e canteira de dramaturgas hoxe consolidadas como Esther Carrodeguas, novas voces saídas da ESAD de Galicia coma Ana Abad de Larriva ou Nerea Brey e autores xa con longa traxectoria artística como Roberto Salgueiro ou Manuel Lourenzo.

É unha das moitas actividades paralelas do festival, que non se limita á exhibición de espectáculos, entendendo o evento como un lugar de crecemento, lecer, encontro, pensamento, creación e acompañamento e, por enriba de todo, como un ben colectivo que camiña cara a garantía pública do dereito cidadán á cultura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta