18F.- Besteiro, cos surfeiros, ve o deporte e a natureza como motor económico do turismo sustentable

O socialista arrinca este mércores en Valdoviño os seus actos de campaña, nunha xornada na que estará en Guitiriz e Vilagracía.

Por Europa Press / Redacción | Valdoviño | 07/02/2024 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou o deporte e a natureza como motor económico do turismo sustentable e comprometeuse a apoiar a creación dun Centro de Alto Rendemento de Surf na Frouxeira (Valdoviño), que promoverá como capital mundial deste deporte.

Besteiro, que iniciou este mércores os actos de campaña cunha visita á praia da Frouxeira, en Valdoviño, onde varios socialistas aproveitaron para facer surf, comprometeuse a apostar por levar a cabo políticas que potencien a combinación de "deporte e natureza" na promoción dun novo modelo turístico que favoreza a creación de calidade e a fixación de poboación no territorio. "O Partido Socialista apoiará o turismo responsable e a Economía Azul, un modelo que pon no centro o respecto ao medio ambiente e estende a chegada de visitantes ao longo de todo o ano", afirmou.

Besteiro fixo estas declaracións no marco dunha visita ao concello de Valdoviño, municipio de referencia no surf. Precisamente, as praias de Frouxeira e Pantín acollen as dúas probas máis importantes para este deporte a nivel nacional: o campionato de España de Surf e o Pantín Classic, proba do circuíto mundial desde hai 35 anos. O peso do surf en Valdoviño favorece a actividade de 15 empresas, o que contribúe a desestacionalizar o turismo ao desenvolvemento económico do municipio.

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, xunto ao alcalde de Valdoviño, Alberto González, e outros socialistas na praia da Frouxeira
O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, xunto ao alcalde de Valdoviño, Alberto González, e outros socialistas na praia da Frouxeira | Fonte: Europa Press

SÁNCHEZ VOLVERÁ ARROUPAR A BESTEIRO ESTA FIN DE SEMANA

O presidente do Goberno e líder do Partido Socialista, Pedro Sánchez, volve esta fin de semana a Galicia, na que será a súa quinta visita nun mes a Galicia coincidindo coa precampaña e campaña para as eleccións autonómicas. En concreto, prevese que Sánchez participe nun mitin en Vigo xunto ao candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro; e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.

A cita terá lugar no Auditorio Mar de Vigo e nela tamén tomará a palabra a cabeza de lista pola provincia e exministra nos gobernos de José Luís Rodríguez Zapatero, Elena Espinosa. Trátase da quinta visita nun mes do líder do PSOE a Galicia, comunidade na que arroupou en diversas ocasións ao aspirante socialista a liderar San Caetano, José Ramón Gómez Besteiro.

Ademais deste acto de partido, segundo confirmaron fontes consultadas por Europa Press, o venres o presidente do Goberno participará nun acto institucional polo Día da Muller na Ciencia na cidade da Coruña, un evento no que se prevé que participen as ministras de Educación, Pilar Alegría, e Ciencia e Innovación, Diana Morant.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta