Rueda alerta de "imposicións ideolóxicas" na Educación tras facelo Feijóo co decreto do plurilingüismo

Convoca a docentes para un acto político denunciado pola CIG polo seu carácter electoral. Anuncia un plan contra o abandono escolar e defende unha visión "ampla" da educación, sen "ningún tipo de imposicións lingüísticas nin ideolóxicas"

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 10/02/2024 | Actualizada ás 14:57

Comparte esta noticia

O candidato á Presidencia da Xunta do PPdeG, Alfonso Rueda, prometeu este sábado un plan educativo contra o abandono escolar que terá como alicerce fundamental o impulso á formación profesional, o Plan FPGal360. Foi nun acto que a CIG denunciou como electoralista xa que din que Educación xogou coa confusión e moitos docentes foron "enganados" pensando que se trataba dun curso formativo.

Rueda clausurou este sábado un acto sectorial sobre educación que, celebrado na Cidade da Cultura, serviu para facer repaso das medidas tomadas en Educación durante o seu goberno. Nel participaron, ademais de profesionais do sector, o actual conselleiro de Educación e cabeza de lista dos populares por Pontevedra, Román Rodríguez.

Tal e como destacou, unha das súas prioridades se chega á Xunta o próximo 18 de febreiro será lograr o "abandono cero" na educación. "Temos que darlle oportunidades a todo o mundo e facerlle ver aos mozos que sen educación, sen formación, van ter moi difícil conseguir nada na vida. E probablemente sexa moito máis complicado velo cando tes 14 ou 16 anos. O malo é despois, cando tes máis anos, velo clarísimo e ás veces non ten remedio", comentou.

Para conseguilo, afirmou, "pisarán o acelerador" e "aproveitarán o momento magnífico que vive a formación profesional en Galicia"; "unha revolución silenciosa" que fixo que "moita xente vexa a formación profesional non como unha alternativa subsidiaria, senón todo o contrario". "E iso está a solucionar moitos problemas agora, de face ao futuro, de necesidades laborais", engadiu o candidato popular, que agradeceu ás empresas colaboradoras a súa axuda na formación dual.

O candidato do PP á Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, nun acto sectorial de educación en Santiago. PPDEGALICIA
O candidato do PP á Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, nun acto sectorial de educación en Santiago. PPDEGALICIA | Fonte: Europa Press

"ENSINAR, NON ADOUTRINAR"

"Seguiremos tomándonos a educación moi en serio. Seguiremos expondo que a educación é algo obxectivo e plural como a sociedade galega, estando convencidos de que para que Galicia funcione, a educación ten que funcionar", reivindicou Rueda. Nesta liña, Alfonso Rueda, aseverou que en Galicia a educación "non cre en ningún tipo de imposicións lingüísticas nin ideolóxicas, nin visións que se perseguían só dunha parte da sociedade"; senón "unha visión ampla de que a xente formada positivamente decida en liberdade". "Eu creo que esa é a base de calquera sistema de educación que quere que un país prospere", defendeu.

"Na docencia hai que dedicarse a ensinar, a formar; non a adoutrinar. Creo sinceramente que o que facemos non é adoctrinamiento. Iso crea rexeitamento", dixo, insistindo ademais en que "unha cousa é educar en valores e outra en ideoloxías".

DENUNCIA DA CIG

Á mantenta deste acto, este venres CIG-Ensino denunciaba nun comunicado que desde o PP enviáronse correos electrónicos ao mail oficial dos centros educativos ou cargos da Consellería de Educación para convidar o profesorado a participar. Para o sindicato, isto supón unha "permanente confusión de precampaña e campaña" e aseguran que se trata dunha "calculada confusión" á hora de explicitar se se trata dun acto do PP ou un do departamento autonómico. "En todo caso, estas manobras supoñen un uso reprobable dos correos oficiais dos centros por parte do PP", censuran.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta