Continuidade, cambio ou transición?

"Non hai cousas vellas nin novas, hai soamente cousas vivas e mortas, e non as determina a idade senón o sopro interior que as anima". Otero Pedrayo

Por Fermín Paz | As Pontes | 11/02/2024

Comparte esta noticia
Hai uns días un amigo convidoume a construír unha escrita para deixar ao descuberto ao candidato Rueda pola súa ineficiente xestión ao fronte da Gobernanza de Galiza. Fíxome unhas pequenas suxestións críticas e eu, decidín tirar por outro camiño, o meu, conducente a retratar a outra realidade do confronto político, da que posiblemente non se vai falar.
 
A focaxe do debate das eleccións galegas está a situarse na continuidade do actual Presidente (PP) ou outra gobernanza alternativa (BNG+PSOE). Todo o demais parece que non merece ningunha consideración, cando menos, no reparto da representatividade do pobo galego, porque  a lei que sostén a tradución de votos en número de representantes, non é obxecto de propostas. Dito o cal, a síntese deste novo confronto electoral vai ter só un interese maioritario nos resultados e nas posibilidades de acordar repartos nas parcelas de xestión alternativas á continuidade, e logo a expresión xornalística e mediática fará a  interpretación que máis conveña a liña editorial e a partidista ou organizativa, tamén expresará a súa ledicia ou os queixumes segundo conveña, e os demais baduaremos ou darémoslle algunha volta dependendo dos nosos desexos e das influencias exercidas sobre nós. Mais o que imos decidir os galegos e galegas o vindeiro dia 18 deste mes merece chegar máis lonxe. Os programas xa non teñen credibilidade nin penalizan moito no seu incumprimento, o sistema está  instalado nunha continuidade labiríntica. Quen teña a responsabilidade na gobernanza para xestionar as promesas de agora e convertelas en decisións na lexislatura, conformará con manterse na posición e se acaso, tratará de potenciar o feito coa publicidade e xustificar o non feito, con calquera ocorrencia.
 
Centrarme só no candidato do PP, non é mais que un desexo limítante e sentimental. Eu, non conformo que algo cambie para que todo vaia por camiños semellantes. As decisións, votar o é,  sempre é  unha escolla, mais eu manteño unha grande discrepancia co campo de xogo elixido. A utilidade é saber quen ten máis representación, sen saber que van facer con ela? Fica claro o achegamento de Rueda ás grandes empresas para máis precariedade, menos traballo, máis sucursal do españolismo e menos marco galego de relacións laborais chegando ao paroxismo cando nega á CIG o recoñecemento da súa representatividade maioritaria;  o deterioro nos Servizos públicos; a súa intervención ofensiva e negadora da cultura galega; a irrelevancia de Galicia en tódolos contextos, etc... Aínda así, non concordo con quen propón a sinxeleza dunha escolla entre a dereita e a esquerda, ou na modalidade de hoxe, entre progresismo e involucionismo, deixando ao marxe ou secundariamente os intereses de clase e nacionais do pobo galego. No paradigma que compre resolver, agora, agroma máis que nunca o confronto de clases; agroma o noso (Galiza) e o seu (España); agroma a desfeita industrial e a explotación colonial dos nosos recursos, agroma a necesidade de conservar a natureza, as liberdades en toda a súa extensión, a cultura, o idioma, etc... Continuidade significa un tempo sen ningún cambio, onde os factores culturais, as leis e a soberanía permanecen sen ningunha mudanza. Cambio para min, como pertenzo a unha nación sen soberanía e a unha clase explotada  é avanzo, en novas concrecións políticas, culturais, legais,  ademais das tecnolóxicas. Polo tanto a miña opción para a representación  abonda con que sexa nacionalista e que esta sexa exercida sen ningún condicionante estratéxico porque se chegamos ata aquí, non deberamos acomodar no deseño do sistema e as súas trampulladas legais e institucionais. Temos que superalo. Coidadiño!!!. Todo o traballo feito  só para obter mais ou menos representatividade, sería un ceacu sen recuperación posible.
 
Para min a situación política na que atopamos é de transición. Cara onde?, preguntaredes. Para min, na política española, de novo, a un bipartidismo e á Constitución Española de 1.978, cando Sánchez esgote todas as súas posibilidades federalistas e de supervivencia. Hoxe, as forzas nacionalistas das Nación sen Estado deberían comprender moito mellor as debilidades e as fortalezas do mito español e si é dese xeito, terán máis posibilidades e folgos para acadar un novo "status quo", sempre que sexan impulsoras dunha unidade de acción erguida sobre a tese, abonda con sermos nacionalistas consecuentes para que o obxectivo soberanista chegue a facerse realidade, no caso contrario seguiremos dando voltas e instalados nun electoralismo cunha sintomatoloxía preocupante que pode servir no persoal, no privativo, mais non no común, no que é de todos e todas.
 
A seguir construíndo auto organización en tódolos eidos, en todas as aldeas, vilas e cidades, impulsando a unidade da clase obreira galega cara a Central Única e Galega, impulsando a unidade do nacionalismo nun novo fronte común. O de sempre e quen queira quedar fóra deste proceso pois que quede engaiolado no seu “chiringo”, na súa sigla diferenciadora, a facer de freo para o nacionalismo galego e que o desfrute toda a vida que, por certo, só ten  camiño de ida e polo de agora que eu saiba, ninguén acreditou que fose doutra maneira. Paciencia logo, xa que parece que o PSOE  non ten moito interés na perda do poder do PP  e a súa estratexia na Nosa Terra depende, como sempre, do que están a "cocer" por aló e non por acó. 

Urna cunha chea de papeletas de votación
Urna cunha chea de papeletas de votación | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.