Puigdemont domina o 18F: da proposta de amnistía de Feijóo á "Fronte Popular" en Galicia, Euskadi e Cataluña

BNG, PSdeG e Sumar critican as "mentiras" do PP e que trate de trasladar a Galicia os problemas de Madrid.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 12/02/2024 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

Núñez Feijóo acendeu o chisqueiro de Puigdemont en plena campaña electoral en Galicia e as consecuencias son impredecibles para os resultados do 18F e, sobre todo, para o seu partido e líder en Galicia. 

O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, nun mitin
O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, nun mitin | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, pediu varias veces ao seu partido non "distraerse" ante os "ataques á desesperada" dos seus rivais políticos" e acusou aos seus "rivais" de "querer embarrar" a campaña electoral galega con "ataques á desesperada". Foi logo das informacións publicadas acerca de que o PP estudou a amnistía durante 24 horas antes de descartala e que estaría aberto a un indulto condicionado ao expresidente catalán Carles Puigdemont se é xulgado, se se arrepinte e renuncia á vía unilateral.

"Chegaron a dicir que agora que eu estou de acordo coas amnistías e cos indultos. Sabedes por que? Porque dicindo todo isto se cadra conseguen que alguén dubide da nosa honestidade, da nosa honorabilidade e do que fixemos durante todos estes anos, que é defender o Estado de Dereito e renunciar a calquera cargo para defender o Estado de Dereito de España", proclamou.", dixo nun mitin en Marín.

LUME NO PP

Pero o lume que acendeu está lonxe de apagar, especialmente, dentro do seu propio partido. De feito, o ex ministro do Interior e destacado membro do Partido Popular, Jaime Mayor Oreja, sinalou este luns que calquera negociación con Junts de cara a unha posible amnistía é "un disparate". Advertía, ademais sobre a "gravidade" dos acontecementos que están a ter lugar no Estado, co que cualificou como a conformación dunha "Fronte Popular" en Galicia, País Vasco e Cataluña.

"Temos unha Fronte Popular que vai gañar no País Vasco, vai gañar ETA as eleccións no País Vasco, en Cataluña vai gobernar Esquerra Republicana de Cataluña e en Galicia queren dar a sorpresa de que o que parecía imposible é posible e que gañe unha Fronte Popular", asegurou o ex ministro do Interior. 

OPOSICIÓN

Pero tamén, este esvarón do líder popular serviu como revulsivo para os grupos da oposición, os mesmos que soñan con gobernar a Xunta o vindeiro 18 de febreiro. Así, a candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, afirmou que o PPdeG "vai de bandazo en bandazo" e que "hai moito tempo que fixo da mentira a súa forma de facer política". Pontón observou que Feijóo "quixo trasladar nesta campaña as batallitas madrileñas e a crispación" ás eleccións galegas, quizais porque "pensaba que Galicia era o seu premio de consolación".

Tamén o candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou que o Partido Popular estivo meses "mentindo á cara" dos seus votantes coa súa postura sobre a amnistía. "Eu se fose un votante do Partido Popular estaría indignado", manifestou este luns en declaracións aos medios en Burela, onde incidiu en que se el fose votante da dereita "estaría tremendamente enfadado". "Estiveron a mentirlles á cara durante estes últimos meses", dixo para reprochar aos populares as súas "críticas desenfreadas ao Goberno", con "manifestacións e crispación".

Pola súa banda, a candidata de Sumar á Xunta de Galicia, Marta Lois, afirmou que os galegos "non poden ir votar sen coñecer" a opinión do presidente galego, o 'popular' Alfonso Rueda, sobre o indulto que o PP estaría disposto a conceder ao expresidente catalán Carles Puigdemont, condicionado a que sexa xulgado e a que rexeite a vía unilateral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Gamela

Non sei se haberá algún país no mundo onde un prófugo decida o futuro político dun país... Facendo memoria só lembro ao Ayatoláh Jomeini exiliado en París, e cando colleu un avión e puxo pé en Teherán triunfou a República Islámica (Cando Puigdemont regrese haberá tamén unha República Catalana?) O que se pode inventar en Campaña Electoral é incríble, sobre todo cando se conta cos Medios de Incomunicación 24 Horas... Seguimos para Bingo !!!

1 Sentidiño

Tarradellas? De Gaulle? Castelao, Líster, Portela Valladares?

2 Gamela

O único que foi Presidente foi De Gaulle (e chamarlle prófugo a un militar en tempos de guerra non deixa de ser algo un pouco forzado, non si...) O de Tarradellas casi foi un chiste... Ja soc aquí...