Por Europa Press / Redacción | VIGO | 12/02/2024 | Actualizada ás 12:12
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, suspendeu durante cinco minutos o pleno do Concello deste luns, que como único punto do día tiña as críticas á Xunta pola "falta de cooperación económica" no financiamento de Balaídos, ante novas protestas de traballadores de Vitrasa, a concesionaria municipal do transporte urbano.
Como xa vén sendo habitual, os empregados da empresa aproveitaron o pleno para continuar coas súas reivindicacións, polo que comezaron a gritar que levan máis de tres anos co soldo conxelado e insistiron ao rexedor que os escoite e que sente con eles.
Así as cousas, o rexedor tomou a decisión de paralizar o pleno ata que desaloxasen aos traballadores de Vitrasa, como xa ocorreu noutras ocasións. Precisamente, o venres pasado coñeceuse que o presidente do comité de empresa da concesionaria, Imanol Arnoso, así como outro seis empregados foron vetados durante dous meses á asistencia a plenos, debido a anteriores protestas.
FINANCIAMENTO DE BALAÍDOS
Pola súa banda, o pleno do Concello de Vigo denunciou o "trato discriminatorio" da Xunta de Galicia coa cidade pola "falta de cooperación económica" no financiamento da remodelación do estadio municipal de Balaídos.
Nunha sesión extraordinaria convocada polos socialistas e que cuxo único punto da orde do día era precisamente este, o pleno mostrou, cos votos a favor do PSOE e do BNG, o seu "rexeitamento" á actitude do presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda.
Marta Fernández-Tapias, portavoz do PP, igual que fixera o líder do BNG, tamén vinculou este pleno extraordinario coas eleccións e o "papel secundario" de José Ramón Gómez Besteiro, o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.