As camelias abren en marzo a nova tempada de trens turísticos de Galicia

Terá saídas os días 9 e 23 de marzo e os billetes xa están dispoñibles para a súa compra a través das plataformas habituais, en calquera estación de Renfe, na súa web e en venda telefónica.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2024 | Actualizada ás 17:11

Comparte esta noticia

O Tren da Camelia en Flor abrirá o próximo mes de marzo a nova edición dos Trens Turísticos de Galicia, unha das propostas máis exitosas dos últimos anos posta en marcha entre a Xunta de Galicia, Renfe e o Inorde, que permite coñecer a comunidade galega e moitos dos seus recursos máis destacados a bordo do tren. Terá saídas os días 9 e 23 de marzo e os billetes xa están dispoñibles para a súa compra a través das plataformas habituais, en calquera estación de Renfe, na súa web e en venda telefónica.

Coincidindo co período de floración da camelia, na ruta visitaranse tres xardíns que contan coa certificación de Excelencia Internacional. En primeiro lugar, o Pazo Quinteiro da Cruz, en Ribadumia, no que florecen máis de 5.000 exemplares de camelias de máis de 1.500 variedades a partir da que elaboran o seu propio té, que os viaxeiros poderán degustar. Tamén se visita o Castelo de Soutomaior, coñecendo o seu xardín de camelias con nomes de muller: Rosalía de Castro, María Casares ou a Bela Otero. Finalmente, o percorrido inclúe o Pazo de Rubians, que conta con máis de 800 variedades de camelias e unha leira de albariño, viño que se degustará ao rematar a visita.

O Tren da Camelia en Flor é unha das 14 rutas que estarán en marcha este ano dentro da experiencia dos Trens Turísticos de Galicia que, neste caso, comezarán a circular a partir de xuño, e inclúen itinerarios como a Ruta dos Faros; o Museo MEGA, a Ruta da Lamprea, a Ruta dos Mosteiros, a dos Queixos de Galicia, a das Mariñas ou as dos viños das cinco denominacións de orixe. Como cada ano, cada unha das rutas poderase realizar nun día e, ademais da viaxe en tren, o programa ofrece un servizo de guías oficiais de Galicia durante o percorrido, traslados complementarios en autocar e entradas aos puntos de interese.

Trens Turísticos de Galicia
Trens Turísticos de Galicia | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta