(Vídeo) Saímos á rúa a preguntar se haberá cambio de goberno en Galicia: a maioría 'non sabe/non contesta'

A xente maior escapa da pregunta e non quere respostar a pesares de levar o xornal baixo o brazo, mentres que os máis novos confían en que si se dará un cambio de goberno e din que porán o seu "graniño de area" para que así sexa.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 16/02/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Este vindeiro domingo é a cita coas urnas e, segundo a última enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), aínda hai case un 30 % de indecisos (un 28,8 % para sermos exactos) que non saben a quen votarán (ou se o farán): o 17 % decide a que partido votar nestes últimos sete días, aos que se suma o 4,4 % que o decide na xornada de reflexión e o 7,4 % toma a súa decisión no mesmo día das eleccións, fronte á urna. Dende Galicia Confidencial lanzámonos ás rúas de Santiago para preguntarlle á xente se irá votar este 18F e se cre que haberá un cambio de goberno en Galicia. Spoiler: semella que o ambiente na rúa é o mesmo que nas enquisas e que hai moitos que se absterán de ir votar porque din non querer saber nada da política, o que tamén é un claro indicativo de como se están a facer as cousas no noso país. Por outra banda, falar de política e de intención de voto segue a ser, nos nosos días, un tema 'tabú' para moitos.

Edificio administrativo de San Caetano
Edificio administrativo de San Caetano | Fonte: Xunta - Arquivo

En concreto, a xente máis maior, que é a que sempre se di que vai votar en maior medida, escapa da pregunta dicindo cousas como: "eu diso non entendo" (a pesares de levar o xornal baixo o brazo coa enquisa do CIS na portada) ou "non sei, non voto". Tamén hai quen a pesares de non respostar á pregunta fala de que "si tería que haber un cambio, porque as cousas se están a facer moi mal". Ademais, hai moitos que optan polas escusas para non ter que dicir a súa opinión: os míticos "teño présa", "estou traballando" ou "non teño tempo" son os reis. É máis difícil saber o que opina a xente de política que cambie o goberno a partir deste domingo semella. De feito, mesmo nos bares, lugares onde escoitamos falar abertamente de política entre señores que toman o café, a xente non quere pronunciarse. E é que tamén hai quen non sabe sequera se irá votar nin por quen o fará: "xa se verá".

Entre a xente nova, sen embargo, observamos un maior convencemento. Aínda que os hai que non queren saír en cámara, moitos "confían" en que si que haberá cambio de goberno este 2024 e, de feito, confesan que porán o seu "graniño de area" para que así sexa. En concreto, dúas rapazas cóntannos que xa teñen decidido o seu voto e que si que irán votar o domingo (para que logo se diga que os que se absteñen son os mozos, que non están interesados na política). Ademais, ao preguntarlles se están seguindo a campaña electoral e se esta lles influiu en algo á hora de decidir o seu voto, unha asegura que "non", pois "xa sabía antes a quen votar"; pero, a outra, si que confesa que "algo si que me influiu". Con todo, a esta última o que máis lle acabou de decidir foi "a forma de actuar ante a crise dos pélets". E é que hai que lembrar que aínda que xa non se fale desta catástrofe, aconteceu fai tan só un mes, cando xa se coñecía a data para os comicios autonómicos.

Por outra banda, na poboación de mediana idade, as cousas semellan estar un pouco no aire. Un transeúnte que nos asegura que el si que irá votar o domingo e que xa ten o seu voto decidido trasládanos a idea de que "o cambio de goberno vai depender moito dos indecisos", isto é, "de se vai haber moita abstención ou van ir votar". Aínda que considera que "este ano o cambio de goberno si que se ve máis posible". Tanto é así que a última enquisa do CIS (cuxos resultados se deron a coñecer este mesmo luns) dálle ao PP unha estimación de 34-38 escanos, mentres que ao BNG lle outorga 24-31 e ao PSdeG 9-14. A oposición sumaría en total o 51,5 % do voto sumando forzas, arrebatando ao PP a maioría absoluta da que sempre gozou durante os anos de mandato de Feijóo (a marxe de erro da enquisa sitúase no 1,6 %).

O que hai que ter moi en conta é que aínda que os indecisos poden decantar as eleccións cara unha banda ou cara outra, tamén o van facer os que non voten. E é que en Galicia a abstención subiu de maneira alarmante nos últimos anos. Se tomamos como referencia o voto nas grandes cidades, observamos que no ano 2009 a abstención en todas elas ía dende o 26,72 % (de Ourense) ata o 34,08 % (da Coruña); pero na actualidade esas porcentaxes xa semellan de fábula, pois nos pasados comicios do 2020 a abstención subira a entre o 36,86 % (de Santiago) e o 44,75 % (de Ferrol). Estamos falando, neste último caso, de que case a metade da poboación decidiu non ir votar. De feito, no conxunto de Galicia, a porcentaxe de abstención dos pasados comicios aínda foi máis impactante: do 51,03 %. Isto supón que 1.376.535 galegos non depositaron o seu voto na urna, fronte a 1.320.955 (48,97 %) que si o fixo. No 2009, a abstención fora unicamente do 35,57 %.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta