Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 17/02/2024 | Actualizada ás 14:00
Fai tan só un mes que estabamos a falar da importante catástrofe mediambiental que asolaba Galicia: milleiros de pélets chegados a máis dun cento de areais galegos procedentes da perda dun contedor con mil sacos pertencente ao buque 'Toconao', con 26 toneladas de plásticos no seu interior. Centos de voluntarios empregaban o seu tempo en organizar grupos de limpeza nas praias e en recoller todo o que podían antes de que estes microplásticos chegasen ao aparello dixestivo dalgún animal, xa fose mariño ou terrestre. Sen embargo, un mes despois, e coa campaña electoral do 18F en marcha, xa ninguén fala do desastre. Desapareceron os pélets das praias? Que foi dos voluntarios? Xa non preocupa a posible toxicidade deste material? Dende Galicia Confidencial falamos con Dayana del Puerto, membro fundadora da asociación Noia Limpa, a primeira en dar a voz de alarma sobre a vertedura.
"Non nos gusta nada que se baixase o nivel de alarma, porque que agora non vexamos tantos pélets como antes non significa que non estean aí", asegura Dayana, que prevé que "van ir chegando durante bastante tempo, durante meses, mesmo anos". E por que está tan convencida? Porque para poder anticiparse ao que pode suceder, falaron directamente con asociacións como Pearl Protectors que se enfrontaron á mesma problemática en Sri Lanka, onde fai tres anos un buque perdera tres contedores de gránulos de resina plástica, cada un cun peso de 26.000 quilogramos, isto é, un total de 78.000 quilos de pélets, cifra que Nacións Unidas elevou daquela a 1.680 toneladas métricas. "Queriamos aprender da súa experiencia cun desastre previo, saber como se comportaron alí os pélets, porque non é o mesmo o primeiro momento que ao longo do tempo", explica Dayana.
Polo de agora, a xente está a informar a Noia Limpa de que os pélets seguen aparecendo nas súas praias, pero enterrados na area, polo que "non son tan fáciles de ver". Ademais, despois de dúas semanas de tempo anómalo e extremadamente cálido para ser xaneiro, co temporal volven aparecer pélets "que traen as mareas". "Estes días atrás non se estaban vendo moitos microplásticos nos areais, pero dende que chegou o mal tempo xa nos avisaron de que estaban aparecendo de novo en Portosín e en Carnota, por exemplo", conta Dayana. Así as cousas, ten claro que "isto vai para longo, e a xente ten que mentalizarse". Seguramente no verán, cando a xente acuda en masa ás praias, volverá haber chamadas de atención sobre esa presenza masiva de pélets.
E é que iso foi o que aconteceu en Sri Lanka, onde a día de hoxe, tres anos despois do desastre do 2021, aínda seguen loitando contra os pélets, que afectaron a máis de 300 quilómetros de costa. "É certo que non se pode comparar unha catástrofe con outra, porque o deles foi moito peor, pero pódenos servir un pouco a súa experiencia para saber como actúan e como se comportan os pélets", plantexa Dayana, que lembra que "se a súa campaña de recollida leva tres anos activa é por algo". En concreto, apunta que en Sri Lanka deron recollido "uns 2.000 quilogramos de microplásticos en todo este tempo", fronte aos algo máis de 1.500 que se levan recollido en Galicia (segundo os últimos datos ofrecidos pola Xunta, a mediados de xaneiro). A día de hoxe, os datos de recollida en Galicia xa non se dan: "Onde está esa información? No Camgal non aparece nada e, se aparece, non é de fácil acceso para a poboación xeral, cando debería ser algo accesible a todos, porque é esencial que leven a conta de canto se leva recollido para saber canto quedaría por recoller, sabendo o que aínda queda no medio ambiente", denuncia.
"NON PODES DICIR QUE ESTÁ SOLUCIONADO CANDO LEVAS UN 20 % RECOLLIDO"
A contabilidade nesta catástrofe medioambiental é decisiva, tal e como lle apuntaron dende Sri Lanka a Noia Limpa, ao incidirlle no feito de que "non se debe medir o nivel de alerta en función de cantos pélets aparecen por metro cadrado, senón de cantos levamos recollido do total do que se verteu". "Non podes dicir que todo está solucionado cando levas un 20 % recollido de toda a vertedura (uns 201 sacos dos 1.050 extraviados o pasado 8 de decembro), así nolo aconsellaron dende Sri Lanka", argumenta Dayana, que resalta que, pola experiencia deles, "os pélets vanse a estender e que non estean en aglomeracións non significa que non estea, senón que moitos se enterraron". Algo que tamén supón un problema, pois coas mareas bravas dos últimos días eses pélets da area que non se recolleron están a ser arrastrados novamente ao mar, que os leva ata outras partes, polo que se hoxe hai microplásticos en Portosín, mañá eses mesmos microplásticos poden estar xa en Muros.
Precisamente para evitar eses arrastres tardíos de pélets que non están á vista, dende Sri Lanka recomendáronlles actuar coa maior celeridade posible nas recollidas, porque "nun primeiro momento é cando están máis acumulados e cando se pode ser máis efectivos limpando". Sen embargo, hoxe por hoxe xa é tarde, pois as últimas choivas soterraron moitos e coas mareas "as praias están en constante movemento". Por iso, Dayana incide en que tamén "é fundamental realizar un seguemento da súa localización". Para facelo, segue activo o mapa no que cada usuario pode encher un formulario e detallar a praia na que se atopou con pélets, mesmo incluíndo unha foto dos mesmos. "É moi importante que a xente siga mandando información, porque este é un proceso continuado no tempo que vai durar moitos meses". Segundo os últimos datos recolleitos no mapa de Noia Limpa, a día de hoxe hai 32 praias aínda con microplásticos, fronte a 14 que xa están limpas (polo de agora).
VOTACIÓN DUN NOVO REGULAMENTO NA UE: "É ESENCIAL QUE A LEI CAMBIE"
A día de hoxe, cando o mal xa está feito, a solución pasa, segundo a visión de Noia Limpa, por cambiar a lei para endurecer as medidas de proteción no transporte de mercancías como os pélets. Para iso, comezaron unha campaña de recollida de sinaturas na que tamén participan Ecoloxistas en Acción, Plademar, Good Karma Projects, Redes de Sal, Festival Mar de Mares, Surfriders España, CEMMA, Adega, Save the Med, Mar de Fábula, Hábitat, Senda Nova, Surf and Clean e www.sustainablestartupco.com. "É esencial que a lei cambie, porque algo así non pode volver pasar, xa que, como se pode ver, unha vez que a vertedura acontece, xa é imposible de limpar", asegura Dayana, que afirma que "son momentos cruciais na Unión Europea, nos que se vai votar sobre os pélets, e debemos facer presión para que se consideren un material perigoso, para lograr que vaia almacenado de forma máis segura, e tamén para que sexa transportado e manipulado de forma máis segura, poñendo bidóns de metal en lugar de sacos que poden rachar".
E é que cada ano se perden miles de toneladas destes pélets (160.000 toneladas segundo fontes da Unión Europea) por ser transportados nos contedores superiores do barco, que moi a miúdo rematan por caer ao mar polos bandazos das olas. Debido á súa toxicidade, as asociacións consideran que é esencial que estes contedores viaxen nas partes máis seguras dos cargueiros. Ademais, ata o momento, as empresas da cadea de valor do plástico non contan con ningunha normativa para seguir no caso da perda dos pélets, e tampouco están obrigadas a facerse cargo dos danos, o que fai urxente unha nova regulación (plantexada xa en Europa no mes de outubro). Será no vindeiro mes de marzo ou a finais deste mes de febreiro cando, previsiblemente, a UE votará sobre a cuestión, pero no novo regulamento non se fala dos pélets no transporte marítimo, algo que dende que aconteceu o desastre galego se está tratando de incorporar, porque, como di Dayana: "Son momentos cruciais para que se fagan as cousas ben e evitar a raíz do problema".
ECOLOXISTAS EN ACCIÓN SOSTÉN QUE BOA PARTE DO MATERIAL SEGUE NO MAR
Pola súa banda, as brigadas de limpeza de praias de Ecoloxistas en Acción veñen observando unha reducción da chegada de pélets ás praias despois dos últimos temporais. Pero tamén, lonxe das mensaxes que buscan minimizar os impactos dos plásticos, a organización ecoloxista advirte de que o feito de que non cheguen ás praias non é necesariamente unha boa nova, pois boa parte do material continúa no mar, onde non se pode recoller, ou está soterrado baixo a area. Mesmo así, manteñen o seu operativo de voluntariado de limpeza de praias, retirando pélets e outros residuos plásticos en cada intervención. De feito, na xornada de limpeza deste sábado as brigadas de voluntariado retiraron varios sacos de lixo plástico na praia de Canelas, en Portonovo.
Ecoloxistas en Acción chama ás administracións e á sociedade a non esquecer o problema de contaminación por plásticos urxindo a adoptar plans para a limpeza e a xestión de plásticos aproveitando a experiencia adquirida nos últimos meses durante a crise do Toconao. Ademais, lembran que o problema dos plásticos é apenas a punta do iceberg das ameazas que se cernen sobre as rías e as costas galegas, e que inclúen a mala xestión de augas residuais, a contaminación de metais pesados desde minas como as de Touro e San Finx ou a neglixencia das empresas hidroeléctricas á hora de operar encoros como o do Tambre. Por iso, demandan que non se abandone o mar e a súa xente, poñendo o foco na conservación e restauración dos ecosistemas mariños.
E recordan tamén que nestes días, no Parlamento Europeo, discútese a proposta de Regulamento da Comisión Europea sobre a prevención de perdas de pélets. Ecoloxistas en Acción agarda que, tras o desastre acontecido en Galicia, o regulamento teña a máxima ambición e esixa polo menos que se inclúan medidas de prevención e responsabilidade para o transporte marítimo de pélets para evitar que sigan acontecendo perdas desde buques. "Tras o episodio vivido nas costas galegas, é o momento de que a clase política demostre que lles preocupa o mar, a súa biodiversidade e o futuro do sector pesqueiro". Sinalan, ademais, que os impactos sobre os ecosistemas destes microplásticos non están contabilizados e a limpeza e restauración parcial non pode seguir recaendo sobre a cidadanía e os medios públicos, como ocorreu en Galicia. Insisten en que "as empresas teñen que pagar o que contaminan, pero, sobre todo, teñen que deixar de contaminar. Por iso é fundamental instaurar medidas estritas de prevención en toda a cadea de subministración".
ACTUALIDADE: 39 PRAIAS CON PÉLETS EN 24 CONCELLOS
Praias que aínda teñen pélets: Praia da Madorra (Nigrán), Praia de Barra (Cangas), Praia da Lanzada (O Grove), Praia das Areas Gordas (Sanxenxo), Praia da Lombeira (A Illa de Arousa), Praia O Con Niño de Corvo (A Illa de Arousa), Praia de Cobacha (Vilagarcía de Arousa), Praia da Illa de Laxe (A Pobra do Caramiñal), Praia da Illa da Laxe (A Pobra do Caramiñal), Praia de Lombriña (A Pobra do Caramiñal), Praia de Corrubedo (Ribeira), Praia de Anguieiro (Ribeira), Praia de Seráns (Porto do Son), Praia das Furnas (Porto do Son), Praia do Pozo (Porto do Son), Praia de Arnela (Porto do Son), Praia da Aguieira (Porto do Son), Lagoa de San Pedro de Muro (Porto do Son), Praia de Broña (Outes), Praia de Lariño (Muros), Praia de Ximprón (Muros), Praia da Concha (Cee), Praia de Carnota (Carnota), Praia Mar de Lira (Carnota), Praia do Rostro (Fisterra), Praia da Langosteira (Fisterra), Praia de Balea (Camariñas), Praia de Traba (Laxe), Praia de Mera (Oleiros), Praia de Espiñeiro (Oleiros), Praia Grande de Miño (Miño), Praia de Niñóns (Ponteceso), Praia de Doniños (Ferrol), Praia de San Xurxo (Ferrol), Praia de Caranza (Ferrol), Praia de Ponzos (Ferrol), Praia de Bares (Mañón), Praia da Area (Viveiro), Praia de Coto (Barreiros).
Ver esta publicación en Instagram
Noticias relacionadas¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Varios colectivos en contra de que a Xunta "exclúa" a ecoloxistas e comunidades de montes do Consello da Minaría
- A costa da Coruña en alerta laranxa este sábado por temporal
- Medio Ambiente tras denuncias de ecoloxistas do Deza por contaminación: "Se un proxecto ten o noso aval é que se pode permitir"
- Investigado un gandeiro de Chantada por deixar morrer de fame a varias reses
- Investigado por colocar lazos en leiras de millo para evitar as desfeitas do xabarín
- A borrasca Caetano activa as alertas nivel laranxa e amarelo por ventos e choivas en Galicia este xoves