18F.- Segundo expediente sancionador a Rueda por "electoralismo" reiterado desde o atril institucional

A Xunta Electoral de Galicia estima as denuncias de BNG e PSdeG sobre varios anuncios e convocatorias publicitadas tras o Consello.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2024 | Actualizada ás 13:52

Comparte esta noticia

A Xunta Electoral de Galicia estimou as denuncias formuladas por BNG e PSdeG e determinou abrir expediente sancionador contra o presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alfonso Rueda, por facer "electoralismo" de forma reiterada desde o atril institucional.

O BNG denunciou que o PP utiliza as roldas de prensa posteriores ao Consello da Xunta para facer unha serie de anuncios que "vulneran" a lei electoral, e que despois son trasladados á páxina web institucional do Executivo autonómico.

Pola súa banda, o PSdeG trasladou á Xunta Electoral que na comparecencia de Rueda do pasado 8 de febreiro o presidente galego realizou manifestacións relativas a "logros" alcanzados polo goberno actual, así como manifestacións "na súa consideración de candidato ás eleccións".

A Xunta, pola súa banda, e o PPdeG, presentaron alegacións cun argumento de base: que o presidente difundiu "información de interese xeral para o público sobre os acordos adoptados" na reunión do Executivo autonómico. En concreto, algunhas das manifestacións denunciadas están relacionadas con axudas para facilitar acceso á vivenda aos mozos, para proxectos de enerxías renovables, para un programa de mocidade 'mentoring' e un informe sobre a dependencia.

Aínda que en cuestións puntuais formuladas por PSdeG e BNG a Xunta Electoral conclúe que non hai infracción da lei electoral, en varias máis si constata "electoralismo" por parte de Rueda e incide mesmo, nalgún dos casos, en que as manifestacións denunciadas nin sequera "foron efectuadas en resposta a preguntas dos xornalistas", polo que carecen "de espontaneidade".

PRINCIPIO DE NEUTRALIDADE POLÍTICA VULNERADO

Así, a Xunta Electoral de Galicia estima as denuncias de nacionalistas e socialistas, e declara que o presidente da Xunta "incorreu na prohibición establecida" na lei electoral por non respectar o principio de neutralidade política polos anuncios enumerados e declaracións efectuadas.

En concreto, ordena retirar da páxina web da Xunta anuncios referidos as axudas para facilitar aos mozos o acceso a un fogar, sobre o 'aval novo', a convocatoria de axudas para vivendas situadas en zonas de sombra para o cambio da TDT, e a convocatoria de axudas para proxectos de enerxías renovables.

Tamén determina a incoación de expediente sancionador contra Rueda unha vez ponderadas as circunstancias que concorren, entre as que menciona que non se trata dunha convocatoria "illada", senón dun "número importante de anuncios e convocatorias publicitadas" na comparecencia posterior ao Consello da Xunta.

REITERACIÓN DA CONDUTA

E apunta á reiteración. Remarca que existen "condutas similares" e que, a data de hoxe, seguen as convocatorias das axudas denunciadas publicadas na web da Xunta. Contra a decisión poderase interpor recurso de alzada ante a Xunta Electoral Central, que deberá presentarse ante a galega, para o seu informe, antes das 17,30 horas deste mércores.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello / Xunta / Europa Press
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello / Xunta / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta