Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2024 | Actualizada ás 15:25
Un díptico teatral contemporáneo de Antón Reixa e Antela Cid chamado 'Míticas pero secundarias' recupera as vidas dos personaxes "esquecidos pola literatura dramática clásica" para facelas protagonistas dos volumes X e XI das 'Clásicas Desfeitas'. O espectáculo dobre pechará, os días 23 e 24 de febreiro, unha nova edición do ciclo escénico promovido pola Xunta. Segundo trasladou o Executivo galego a través dun comunicado, Antón Reixa e Antela Cid traballan como autores, directores e intérpretes totais nas súas respecticvas partes do espectáculo, que leva a traxedia grega ao Gaiás para falar sobre o medo ao éxito e a igualdade.
A primeira parte da obra teatral, 'A infeliz felicidade e o prezo do aceite', inspirouse no gobernador absoluto da illa de Samos, Polícrates, onde Antón Reixa propón unha sátira que relaciona o mito grego con Rosalía de Castro e coa idiosincrasia galega. Unha "voltereta histórica cargada de ironía" na que colaboran o dramaturgo Quico Cadaval, o poeta Chus Pato e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira. Esta primeira parte céntrase no complexo de Polícrates, relacionado coa incapacidade de gozar da felicidade por medo a que esta desapareza, unha característica aplicada tamén a Rosalía de Castro desde a crítica literaria para explicar a melancolía dos seus versos, e que segundo Reixa "podería ser unha sorte de sabedoría crítica ou preventiva propia dos galegos".
Doutra banda, na segunda parte do espectáculo, titulada 'Tres somos ti', Antela Cid encarna a tres irmás silenciadas na literatura dramática clásica co desexo de sobrevivir nun contexto bélico creado e sostido polos intereses dos homes, "un exemplo de fortaleza, ao elixir o amor e a vida por encima da violencia e o poder". As funcións 'Míticas pero secundarias' serán os días 23 e 24 de febreiro ás 20.30 horas no Edificio Fontán e as entradas poderán conseguirse en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás a partir de 9 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.