Marta Lois, Sumar: "Estas eleccións van de mobilización, de participación das mulleres e mozos como no 23X"

A candidata de Sumar á Presidencia da Xunta está convencida de que haberá cambio de goberno o 18F pero será, insiste, a tres, coa súa formación como "motor" dese cambio. Chama a unha mobilización masiva do voto e critica a campaña do PP de tentar adormecer a campaña. Destaca o papel de Yolanda Díaz e critica a Pontón por tentar facer xa gobernos cando aínda non houbo eleccións.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 14/02/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Como vai esta campaña?
Estamos na recta final con moita enerxía, ilusión e vendo que todo está moi aberto e que a oportunidade do cambio está máis preto que nunca. Así o din os inqueritos. Só hai goberno a tres se Sumar saca escanos na Coruña e Pontevedra porque están en xogo co PP.  Se eses escanos van para nós hai cambio. Entendemos que co PSdeG e BNG só non chega. Por iso hai que apertar e mobilizar. E se entramos no Parlamento galego haberá cambio.

Marta Lois e Yolanda Díaz
Marta Lois e Yolanda Díaz | Fonte: Sumar

E se non entrades, que pasa?

Se non entramos non hai cambio.

Estás segura diso?

Si. Temos datos e a análise politoloxica indica iso. Que os restos, que son moi poucos votos, deciden. E isto vai de mobilización e que a xente o perciba. En todo caso, coa carta de desleixo do PP; de maltrato dos servizos públicos, falta de pediatras, o ensino, a cultura, a non existencia de políticas industriais. Todo iso está aí e temos que concentrarnos que os galegos e galegas queren cambio. Sete de cada dez queren cambio e por iso insisto niso porque dous deputados poden condicionar o cambio.

A portavoz de Sumar no Congreso, Marta Lois, durante unha entrevista para Europa Press, no Congreso dos Deputados, a 21 de decembro de 2023, en Madrid (España).. Eduardo Parra - Europa Press
A portavoz de Sumar no Congreso, Marta Lois, durante unha entrevista para Europa Press, no Congreso dos Deputados, a 21 de decembro de 2023, en Madrid (España).. Eduardo Parra - Europa Press

Falas dunha enquisa que é a do CIS pero moitas outras non lle dan a perda ao PP?

Eu digo que se sobe a participación e se mobilizan os galegos e galegos como pasou o 23X, cando ninguén o cría, pois hai cambio. Daquela Feijóo xa se vía na Moncloa da man de Abascal.  Esa mobilización parou á ultradereita.  Aquí tamén vai de mobilización e da participación de mulleres e xente moza , de toda a Galicia progresitas e que suba participación. As eleccións galegas soen ten baixa participación e por iso está cómodo o PP porque puxo a data en medio dun Entroido porque quere que isto sexa un mero trámite. Está nervioso e as declaracións de Feijóo falando do indulto a Pugdemont son unha nova mostra do cinismo do PP que minte na sanidade, na educación, nas políticas lingüísticas, minte en todo. E agora sabemos que Rueda non deu resposta a iso. E fixo declaracións lamentables pedindo o voto para axudar a Feijóo nun goberno en España. Está descentrado. Non está nas eleccións galegas.

Rueda está descentrado. Non está nas eleccións galegas

Falar de ETA, Puigdemont, amnistía, Cataluña, Ayuso... Non se está españolizando moito esta campaña?

Non é españolizar. Está fóra do que á xente lle preocupa. O que lle preocupa á xente é a vivenda, os servizos públicos como unha atención primaria desmantelada, igual que dependencia dándolle cartos públicos ás empresas e sen políticas sociais. O que temos é un informe do CES que fala dunha perda de 40.000 empregos industrias desde hai case 12 anos. O que temos é un país en branco e negro do PP con políticas de maltrato aos servizos públicos e de negocio con empresas privadas. O señor Feijóo que ofrece, Rueda que ofrece?, pois facer ruído que tampouco lle serviu no contexto español de que se rompe España. E agora sabemos que Feijóo tiña esa carta gardada de ofrecerlle unha amnistía a Puigdemont . Iso non é o que lle interesa aos galegos e galegas.

Efectivamente, e que lle interesa?. Cal é a mensaxe de Sumar para contrarrestar iso e para que galegos e galegas estean tranquilos cos seus servizos públicos?

Pois poñer tope ao prezo de alugue o 19 de febreiro.  Hai moita xente moza, moitas familias traballadoras que non poden independizarse por ter que adicar o 60% do salario ao prezo do alugueiro. Logo a sanidade cun plan de rescate da Atención Primaria  e un plan de saúde mental. Somos unha forza pioneira en colocar este problema na axenda. Hai 11 suicidios diarios no Estado e un diario en Galicia. E isto pasa por que haxa acompañamento, recursos e equipos de saúde mental. A dependencia e coidados que depende sempre das mulleres. Por iso queremos un sistema público de coidados cun servizo específico de axuda no fogar prestado desde os concellos. Non queremos darlle cartos aos concellos para que estes llelos dean a empresas privadas senón que haxa xestión pública. E isto é distintivo de Galicia. E no tema das mulleres, imos a pedir que haxa atención e axuda xinecolóxica na sanidade pública porque non todas as mulleres se poden permitir pagar 90 ou 100 euros para ir a unha consulta privada de xinecoloxía. O que queremos é que non as mulleres que menos teñen non se poidan permitir ir a unha consulta de xinecoloxía.

Vexo que percorredes todo o país, tedes receptividade ás vosas propostas?

Véxoo ben. Somos unha forza política nova, a nosa carta pública de presentación  e de boas prácticas son as políticas que facemos desde o Goberno do Estado coa suba do salario mínimo e iso repercute en 116.000 galegas, por exemplo. Tamén o que facemos nas políticas de emprego e ese bo aval e bo facer dos ministros de Sumar pois quedemos trasladalo tamén a esas políticas de sanidade, servizos sociais, economía verde, saúde, empregos de calidade.

Os mítines depende do momento, pode haber máis ou menos xente, pero estamos no Entroido

Distintos medios comentan que hai moi pouca xente nos vosos mítines. Cres que isto inflúe á hora de votar?

Neste momento o importante é detectar boas sensacións que é o que nos atopamos. O 23X fomos terceira forza política e a xente xa nos identifica como forza útil. Os mítines depende do momento, pode haber máis ou menos xente, pero estamos no Entroido e Rueda quería unha campaña de mero trámite. Por iso non me preocupa e as sensacións da xente que nos atopamos pola rúa son positivas e como sabes, sete de cada dez galegos quere cambio. E por iso o 18F os e as progresistas temos que ir votar.

E cres que Sumar está mobilizando ese voto indeciso?

Si. Nós mobilizámolo porque hai dous escanos que bailan que van para o PP ou para Sumar e iso, claramente, é unha mensaxe na que o e o cambio político en Galicia é a tres ou non o vai a haber.

Pero agora a campaña parece un pim,pam, pum entre PPdeG e BNG. Non prexudica iso a Sumar e ao resto dos partidos?

E a ti tamén che parece normal que hoxe se chame a un debate na TVE entre o BNG e o PSdeG?. A min iso non me parece un debate, pero celébrase.  Hai que apostar por debates nos que estean as forzas significativas, e Sumar xa o é, para escoitarse as propostas de todas as forzas. Por iso nós imos seguir traballando moi duro, intensamente nesta recta final para que os galegos e galegas voten por Sumar.

Claro, pero non cres que vos prexudica a vós que se monopolice a campaña entre determinadas forzas políticas, nomeadamente, PPdeG e BNG. Que opinas diso?

Creo que isto non reflicte o que é este país. Non sei se nos prexudica ou non. A xente sabe identificalo pero como ti tamén sabes o entorno mediatico do noso país, comezando por un ente público que está secuestrado por Feijóo e agora de Rueda, crea un sistema moi hostil ao pluralismo e iso é algo que levamos padecendo dende hai 14 anos. 

Yolanda está implicada porque é galega e desde o minuto 1 está dándoo todo por trasladar o noso programa e a nosa mensaxe

Falabamos de que Feijóo está facendo campaña intensa en Galicia. Pero tamén está Yolanda Díaz e ministros de Sumar.  Xógase moito Yolanda con estas eleccións?

Son eleccións  importantes para Galicia pero tamén no conxunto do Estado onde hai un goberno de coalición que xurdiu o 23 de xullo e aí está Sumar que tamén quere ter representación neste 18F para estar no goberno de Galicia e por iso Yolanda Díaz e o resto de ministro amosan o seu apoio. E claro que son unhas eleccións importantes para o Estado porque as eleccións galega son unhas eleccións importantes. E Yolanda está implicada porque é galega e desde o minuto 1 está dándoo todo por trasladar o noso programa e a nosa mensaxe. Por iso é todo o contrario. Ti cres que non sería boa mensaxa que Yolanda non fixera campaña?, pois non.

Efectivamente, Yolanda está envorcada na campaña pero non cres que ese non de Podemos a última hora, cando xa estaba dentro da lista, pode influír o 18F?

Todos saben a posición de Sumar que fixo todo o que tiña que facer respecto a ir xuntos ás eleccións. Pero a partir de aí, agora miramos ao presente e ao futuro. Temos unha promotora que elaborou un programa moi potente.

Esa ferida está xa fechada?

Eu xa falo a futuro de Sumar Galicia, xa non miro cara atrás.

E que pasa se Sumar Galicia finalmente non entra na Cámara galega?

Todo so seu tempo. Estou convencida dese cambio. Pero veremos o 18F pero non contemplamos non estar e non ser protagonistas no Parlamento. 

Entón Sumar veu para quedar, como din as Tanxugueiras, non?

Si, claro. Por suposto.

E nesta recta final que agardas?

Pois agardo que se traslade o que detectamos na rúa que é esa vontade explícita de cambio. Temos boas sensacións e pensamos que haberá cambio e seremos o motor do cambio nun goberno a tres.

Pero curiosamente Ana Pontón xa presentaba como será o seu goberno, as áreas e mesmo dicía que levará Igualdade?

Non cres que se adianta moito?. Descoñezo esas declaracións, pero todo iso será a partir do 19. Sentar e falar. Ese é o momento. Agora toca que eses galegos e galegas que queren cambio que vaian votar ese 18 de febreiro a Sumar para que o PP perda a maioría absoluta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta