Traballadores da UCI do CHUO seguirán manifestándose: "hai moitos computadores, pero falta persoal"

Piden máis medios humanos para emendar "as deficiencias estructurais".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2024 | Actualizada ás 19:06

Comparte esta noticia

Os profesionais da Unidade de Coidados Intensivos do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense volvéronse a manifestar este xoves ás portas do hospital, desde onde reclaman "máis medios humanos" para emendar "as deficiencias estruturais", que, din, se realizaron durante a renovación.

Os traballadores xa se concentraron o pasado 5 de febreiro sostendo pancartas nas que denunciaban falta de persoal e reclamaban un "cociente digno" por enfermeira e por auxiliar de enfermaría, unhas reivindicacións que repetiron este xoves, de novo apoiadas pola comisión do centro, con consignas como "xerencia, escoita, esta UCI está en loita" ou "a nosa prioridade é a túa seguridade".

Hai dez días, a presidenta da Comisión do centro, Belén González, encargábase de explicar que as instalacións están recentemente estreadas, posto que Sanidade investiu nelas oito millóns de euros e púxoas hai poucos meses en funcionamento.

No entanto, lamentaba que se cubriron con novas tecnoloxías e "algúns elementos que se evidenciaron como necesarios tras a pandemia", pero tamén con "deficiencias estruturais", unhas críticas que se repetiron insistindo en que "hai moitos computadores, pero falta persoal".

Os traballadores din que a distribución "non é ideal", posto que o cuarto de enfermaría "debería ter forma de O para ter visión directa en todo momento". Con todo, este é "alongado" e atópase ao principio da unidade, polo que as enfermeiras "teñen que estar a pé de boxes para ter visión".

A maiores, a súa outra petición era pasar de catro enfermeiras que hai na actualidade a cinco por quenda, para poder dar unha mellor calidade, dado que o cociente cumpriría así o que estipula o Ministerio de Sanidade para unha UCI de nivel 2, do mesmo xeito que a de Lugo.

"Estamos aquí porque non houbo ningún avance. quedou en seguir negociando coa dirección, quedaron en que a reunión sería este luns pasado pero non houbo ningunha notificación da xerencia. Non se nos chamou", lamentou Belén González, a presidenta da Comisión de centro.

Neste sentido, trasladou que só se corrixiu "un dos múltiples fallos" e foi o da sala de medicación, unha sala "completamente afastada da visibilidade" onde as enfermeiras e os enfermeiros "pasan moito tempo". Aí púxose un monitor para ver as constantes dos pacientes, "pero é o único cambio que se fixo, de todos os demais que pedimos aínda nos arranxou nada", asegurou.

Os traballadores puxeron o foco especialmente na importancia do reforzo cunha quinta enfermeira para evitar momentos críticos "con pacientes en intubacións ou paradas cardiorrespiratorias". "Pediuse reforzo, pero non se conseguiu, a dirección propuña xuntarse o luns pasado e non levou a cabo e ata a data de hoxe non sabemos se se vai a facer", insistiron.

É por iso que, adiantaron, o persoal de UCI está a estudar que camiño seguir. Polo momento, o que é seguro é que seguirán "todas as semanas" manifestándose ás portas do Hospital Universitario de Ourense e que se reunirán para "ver onde podemos chegar, porque isto é necesario arranxalo".

Manifestación de traballadores da UCI de Ourense.
Manifestación de traballadores da UCI de Ourense. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Moi recomendábel este vídeo de SOS Sanidade Pública: https://vimeo.com/sossanidade/dep12...