Refachos de máis de 130km/h en Viveiro e parques pechados na Coruña polo temporal

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2024 | Actualizada ás 11:56

Comparte esta noticia

O vento deixou na madrugada deste xoves refachos de máis de 130 quilómetros por hora en Viveiro, nunha xornada na que o temporal costeiro obrigou ao peche de parques na cidade da Coruña.

En concreto, para este xoves, está activada a alerta laranxa por ondas e vento no mar en toda a costa galega. Ademais, hai aviso amarelo por vento na Mariña de Lugo, así como nas montañas de Lugo e Ourense.

Segundo a información de Meteogalicia, na zona da Mariña, rexistráronse ventos de 134 quilómetros por hora en Viveiro. Ademais, en Punta Candieira, en Cedeira, alcanzáronse os 130 quilómetros por hora. Estes fortes refachos tamén se deixaron sentir na zona da Costa da Morte. Así, en Malpica de Bergantiños os ventos alcanzaron os 115 quilómetros por hora.

PECHE DE PARQUES NA CORUÑA

Debido aos ventos e as condicións meteorolóxicas adversas, o Concello da Coruña procedeu ao peche dos parques da cidade. O consistorio herculino pediu á cidadanía que manteña a precaución e siga as indicciones da Policía, os Bombeiros e Protección Civil.

O VENRES, ALERTA VERMELLA NA COSTA

Na xornada do venres, prevese que a alerta sexa vermella na costa da Coruña e de Lugo por vento no mar e ondas que poderán chegar ao oito metros. Ademais, haberá aviso amarelo por vento na costa da Coruña, na Mariña, e nas montañas de Lugo e Ourense.

Unha muller refúxiase do vento con paraugas
Unha muller refúxiase do vento con paraugas | Fonte: M. Dylan - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta