Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 28/02/2024 | Actualizada ás 22:00
O atípico clima galego dun tempo a esta parte está a afectar aos cultivos. Despois do xaneiro máis cálido dende 1966, no que a temperatura media máxima foi de 12,5 graos (1,9 graos por enriba do habitual), chegando ata os 15,5 nas comarcas costeiras do Baixo Miño e a Mariña lucense, e dun comezo de febreiro que máis parecía a chegada da primavera en lugar da metade do inverno (con zonas da provincia de Pontevedra nas que se chegou aos 20 graos), esta semana as temperaturas sufriron unha drástica baixada que deixou mesmo escenas de intensas nevadas en gran parte da provincia de Lugo, con xeadas no resto da comunidade e fortes rachas de vento. Os termómetros no conxunto da comunidade galega non soben dos 12-13 graos durante o día, con noites nas que caen ata baixo cero en zonas de montaña.
A calor de comezos de ano serviu para que certos cultivos comezasen a florecer, crendo as plantas que era xa primavera e momento de facelo, enganadas pola climatoloxía anómala, pero agora vense en perigo ante unhas condicións totalmente contrarias: abundante frío, sobre todo durante as noites, e temporais que deixan choivas case torrenciais en toda a comunidade durante as dúas últimas semanas. Que nos poden contar os profesionais do campo sobre isto? Dende Galicia Confidencial falamos con Francisco Bello, presidente da Asociación Agraria de Galicia (Asaga), que nos amosa a visión dos cultivadores de froiteiras, vides, millo e forraxe para a gandaría; e con Nuria, da empresa Viveiro Corema, pertencente a Asociación de Cultivos do Baixo Miño (Acubam), que nos fala de como viven a situación os cultivadores de plantas ornamentais e arbustos.
"SEGURAMENTE, AÍNDA QUE OXALÁ QUE NON, AÍNDA PODE HABER XEADAS QUE CHEGUEN A AFECTAR ÁS FROITEIRAS XA FLORECIDAS"
Bello confírmanos que, efectivamente, "houbo varias colleitas que se adiantaron por mór do tempo, sobre todo no que ten que ver co tema das froiteiras". E explica que, "lóxicamente, se a temperatura é alta, pois empeza a moverse a saiva dentro da árbore ou da planta e, automaticamente, esta comeza a florecer". O vivido neste ano durante o mes de xaneiro fixo que así fose, cando, en verdade, "en Galicia hai zonas onde a finais de maio e mesmo máis tarde xa teñen caído xeadas". Por iso, cre que, "seguramente, aínda que oxalá que non, aínda poida haber varias xeadas que cheguen a afectar a estas froiteiras".
Polo que respecta ás vides, outro dos cultivos por excelencia de Galicia, "sabemos que tamén se está movendo xa a saiva neles, e iso preocúpanos tremendamente, porque é un dos principais cultivos de Galicia". Normalmente esta planta non comezaba a súa floración ata o mes de maio, xa ben entrada a primaveira, cando nas vides se comezaban a amosar pequenas flores brancas que a día de hoxe xa se poden ver nalgunhas zonas, pois a maior parte das vides están situadas nas Rías Baixas, no Salnés, precisamente unha das comarcas que sufriu en maior medida os bruscos cambios de temperatura.
"OS ENSILADOS PARA A FORRAXE NON TERÁN PROBLEMA, HABERÁ QUE VER DESPOIS CANDO ESA MESMA TERRA SE LABORE PARA O MILLO"
Sen embargo, no que ten que ver cos cultivos para a gandaría, atópanse máis tranquilos, pois "xa lles afecta menos o cambio no tempo". "Ata que comeza a primaveira, a finais do mes de marzo ou comezos do de abril, non se dán os primeiros cortes para preparar os primeiros ensilados para forraxe, e nese tempo non adoita haber moito problema a non ser que chova demasiado e que os prados estean totalmente brañentos (cheos de auga constantemente e con moita humidade) e non se poida entrar neles", apunta Bello.
Con todo, unha vez feito ese corte para o ensilado, o presidente de Asaga indica que "o que se fai e laborar esa mesma terra para o millo, e facer un cultivo de millo", polo que, neste senso, "si temos que ver como vai avanzando o clima". Polo de agora non se amosa demasiado pesimista, porque, "aínda que loxicamente os que saben de clima son os meteorólogos, no que é a nosa realidade do día a día este ano estámolo vivindo como un ano máis ou menos normal no que é o inverno e o outono, agardando a ver como arrinca a primaveira, que é o que máis nos preocupa". Así, asegura que "a pesares de que hai picos de temperatura para arriba e para abaixo, con extremos un pouco máis tolos que antes, realmente no campo non se aprecia moito máis aló da fructificación temperá dalgunhas especies, sobre todo froiteiras".
"QUE AS PLANTAS ACELEREN A FLORACIÓN PERMÍTECHE ABRIR ANTES A SÚA VENDA, PERO TAMÉN REMATA ANTES, É UNHA ARMA DE DOBRE FÍO"
Dende a parte dos viveiros de flores ornamentais, Nuria, de Viveiro Corema, viveiro do Baixo Miño con 20 anos de vida e produtor dos mellores 'leptospermum' de Galicia (tamén coñecidos como árbores do té), cóntanos que "nós estamos notando cada vez máis que este tempo primaveral no inverno é máis frecuente, xa non é algo aillado coma antes". E isto, ao seu modo de ver, ten unha parte positiva e varias negativas. Dende o punto de vista positivo, asegura que "as especies que nós producimos aceleran un pouco o seu proceso de floración, ou mesmo de brotación, e de cara ao mercado podemos abrir antes a súa venda". Con todo, confesa que "isto tamén é unha arma de dobre fío, porque logo tamén remata antes esa venda", así que "danos a vantaxe de comezar a vender antes pero agora, se nos vén unha xeada, que aínda nos pode vir, cargámonos toda esa primeira brotación".
No seu caso, ao producir maioritariamente arbustos, afirman que non notan tanto a influencia do cambio da temperatura, pero confesa que "esa alegría que se notaba nas plantas nos días en que fixo temperaturas de 20 graos, cando vías que a planta estaba a brotar, e cando ías á hora e vías que as froiteiras xa ían moi avanzadas, non a ves agora, e precisamente son as froiteiras as que máis poden notar as consecuencias desas baixadas de temperatura, porque mesmo poden chegar a facer que aborte o brote". Pola contra, asegura que "na planta ornamental non hai tanto ese problema, pois estamos máis preparados ante a chegada dun revés así que nos poida fastidiar".
Ademais, Nuria indica que en caso de que unha planta "se fastidie", hai maneira de tratar de recuperala: "facéndolle unha poda ou mesmo, dependendo da especie, vólveche rebrotar". O cal non deixa de ser un problema, porque "logo tardas máis en volver ter produto de primeira categoría para a venda". No caso das hortas, afirma que "nelas si que podes perderte parte do froito e non volver recuperalo". Pon o exemplo do cultivo de grelos ou cereixeiras, que "precisan de frío en inverno para ter froitos e, como cada vez fai menos fríos, a tendencia destes produtos é cada vez a ir a menos".
"SE ANTES LIMITABAS O USO DUN PESTICIDA A UNHA ÉPOCA DO ANO, AGORA VALO TER QUE USAR MÁIS TEMPO, PORQUE AS PRAGAS TAMÉN CHEGAN ANTES"
Dentro do viveiro aseguran que as plantas que comezaron a florecer temperanamente foron, principalmente, as 'leptospermum scoparium', "unha especie que ten como mellor época de floración a partires do mes de marzo ou abril, e que nos atopamos que agora mesmo xa está en flor". Precisamente por iso aseguran que na actualidade "xa non é algo aillado o feito de que as plantas adianten a súa floración". Por iso, Nuria expón que, "aínda que por agora temos controlado o seu manexo, nalgún momento vamos ter que realizar algún cambio, no sentido de cambiar os niveis de abonado ou de realizar máis controis de riscos e pragas, porque se suben as temperaturas, tamén chegan antes enfermidades e fungos que realmente son de épocas máis primaverais".
Así, apunta, por exemplo, a que "se antes limitabas o uso dalgún pesticida a unha determinada época do ano, porque non che gusta ter que usalo, agora valo ter que usar durante un período de tempo máis amplo". E, a modo de exemplo de pragas que poden comezar a aparecer xa, pon o caso do "pulgón, moi coñecido por todo o mundo", ou "algún tipo de fungo, cuxa aparición máis temperá se ve favorecida por estas condicións climatolóxicas anómalas". Sexa como fose, o certo é que esta baixada de temperaturas non pillou por sorpresa a estes profesionais do campo, xa que "tiñamos claro, despois da calor de xaneiro, que ía vir unha baixada, o que non sabiamos era ata que punto ía ser máis ou menos drástica, pero si que ía haber seguro unha baixada".
E é que Nuria, que leva 10 anos traballando no mundo do viveiro, asegura que notou moito o cambio de tempo: "Antes os invernos eran máis longos, máis fríos, máis chuviosos e máis fastidiados; e agora están sendo invernos moi curtos, xa non son coma antes". "O cambio climático é algo que está aí, non é algo que se vexa dun día para outro, pero que estamos a notar xa cambios é certo", afirma.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.