Piden 15 anos de cárcere para un acusado de agresión sexual continuada a unha menor

Esta semana celebrarase tamén outro xuízo contra un home tamén acusado dun delito de agresión sexual sobre menor de 16 anos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2024 | Actualizada ás 12:23

Comparte esta noticia

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, celebrará este mércores, a porta pechada, un xuízo contra un acusado dun delito continuado de agresión sexual a unha menor coa que tiña relación de familiaridade, e que se enfronta a 15 anos de cárcere. Os feitos ocorreron no domicilio no que residían, entre xaneiro de 2018 e marzo de 2019, e o ministerio público pide que, ademais da pena de prisión, se prive ao acusado da patria potestade durante 6 anos, e que se lle prohiba achegarse a menos de 500 metros da menor ou comunicarse con ela por un período de 18 anos.

Tamén reclama a pena de inhabilitación especial para calquera profesión ou oficio, sexa ou non retribuído, que leve contacto regular e directo con menores de idade durante un tempo superior en cinco anos á pena imposta. Con respecto á responsabilidade civil, pide que indemnice á vítima en 6.000 euros polos danos morais causados.

Por outra banda, o martes celebrarase en Pontevedra, na sección segunda da Audiencia Provincial, un xuízo contra un home tamén acusado dun delito de agresión sexual sobre menor de 16 anos. Acusado e vítima tiñan unha relación de convivencia e os feitos que serán xulgados ocorreron no verán de 2019.

A Fiscalía pide que o procesado sexa condenado a 12 anos de prisión e que se lle prohiba comunicarse ou achegarse a menos de 500 metros da vítima durante un período de 3 anos, ademais dunha indemnización de 10.000 euros por danos morais. Así mesmo, pide a inhabilitación especial para calquera profesión ou oficio, sexa ou non retribuído, que leve contacto regular e directo con menores de idade por un tempo superior en 2 anos ao da duración da pena de prisión que resulte imposta.

Tamén solicita para el a pena de liberdade vixiada durante 3 anos, a executar despois da pena privativa de liberdade, consistente na prohibición de acudir a eventos, espectáculos públicos, privados ou deportivos, recintos ou acontecementos públicos ou deportivos destinados a menores de idade; prohibición de levar a cabo actividades de carácter laboral, participativo, lúdico ou deportivo organizadas, nas que interveñan menores; prohibición de aproximarse aos recintos no que se estean levando a cabo tales espectáculos ou eventos a unha distancia inferior a 500 metros e sometemento a programa de educación sexual.

Exterior dos Xulgados da Coruña
Exterior dos Xulgados da Coruña | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta