Pati, bombeira: "Hai xente que despois dun incendio aínda se sorprende ao ver unha muller debaixo do traxe"

O Galicia Confidencial segue coa serie de entrevistas con motivo do Día da Muller. Nesta ocasión falamos con Pati que traballa no GES da Estrada e recoñece que desde nena xa quería ser bombeira, pero o seu camiño ata acadar ese obxectivo pasou por outras vías, sempre ligada ao deporte.

Por Amanda Fernández | Compostela | 05/03/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Continuamos coa serie especial do Galicia Confidencial con moitivo do 8M e presentamos a Patricia Suárez, bombeira do GES (Grupo de Emerxencias Supramunicipais) da Estrada e máis coñecida como Pati. Xa desde pequeniña cando vivía en Ordes, aínda que é da Estrada, e pasaba por diante do parque de bombeiros de Santiago sempre lle dicía aos seus pais que quería ser bombeira. Co paso do tempo recoñece que se lle foi "sacando un pouco esa idea da cabeza". Estudou Maxisterio en Educación Física porque se declara moi amante do deporte. Porén, ese soño de nena, volvería a resoar tempo despois.   

Pati, bombeira do GES da Estrada
Pati, bombeira do GES da Estrada

A SÚA TRAXECTORIA ATA O SEU POSTO ACTUAL 

Pati conta que mentres ía á facultade, no verán, comezou a traballar nas cuadrillas municipais que hai para incendios forestais e que foi nese intre cando: "Se me volveu a encender a luz e dinme conta que me encantaba ir ao lume e vivir ese tipo de situacións". Cando rematou a carreira, os seus pais aconselláronlle que preparase as oposicións de Maxisterio, pero Pati tiña outros plans: "Non houbo quen me sacara da cabeza que as miñas oposicións eran as de bombeira". Durante esa etapa continuou traballando durante os veráns en incendios forestais ata que enttrou no GRUMIR de Ordes, onde estuvo catro anos e onde tamén estivo en Protección Civil. Foi xa no 2006 cando sairon unhas prazas na Estrada, un lugar para Pati, referente a nivel de servizo de emerxencias e de agrupación de voluntarios de Protección Civil. Decidiu presentarse e desde aquel intre ata o día de hoxe segue aló. "No 2013 entrei como bombeira do GES da Estrada e ata agora e agardo que por moitísimos anos máis", expresa. 

Como reaccionaron os seus pais a este cambio de profesión? "A día de hoxe a miña nai non se cre que traballe disto, xa que coa miña sangue, maréome. Non o pensa polo feito do físico ou da valía, xa que son unha persoa a que sempre lle gustou o deporte e coidarse", recoñece e engade que xa con 21 anos sacou o carné de camión e a súa nai non entendía o motivo. "Díxenlle que o fixen porque quería, pero ela descoñecía que xa estaba orientado á opositar para bombeira. Para min era vocacional e nótase", expón Pati. 

"Á XENTE DA RÚA SORPRÉNDELLE VER A UNHA MULLER DEBAIXO DO TRAXE"

Pati no seu día a día
Pati no seu día a día

Preguntámoslle si se sentiu nalgún momento discriminada no seu traballo e nega de primeiras. Comenta que son 19 bombeiros no servizo e tres son mulleres e que "non hai distinción" entre eles. "Eu non chego ao metro sesenta, case son máis traxe que persoa", comenta e lembra unha anécdota incómoda do pasado: "Un día nunha excarceración na zona da Estrada, veu outro servizo a colaborar con nós e, un dos máis veteranos, á hora de sacar a vítima do coche, díxome 'será mellor que a saque eu' e quitoume o sitio xerando en min unha reacción de malestar. Logo pediume disculpas e dixo que era para que non cargara máis peso".

Ademais disto, tamén fai fincapé en que, cada vez menos, pero a xente da rúa cando vas a un incendio onde non se che recoñece ao ir totalmente equipada e comezas a quitar prendas ao rematar para respirar, hai xente que se sorprende ao ver unha muller. "Uniformados non se nos distingue e xera sorpresa, aínda que cada vez no servizo de emerxencias hai máis mulleres e resulta menos raro", afirma. 

AS DIFERENZAS FÍSICAS E A MENSTRUACIÓN COMO CONDICIONANTE

Pati di ser consciente de que a nivel físico hai diferenza entre homes e mulleres porque o "corpo é totalmente distinto". Dito isto tamén destaca que hai moitas situacións nas que "máis vale maña ca forza" e que é un traballo en equipo, onde por exemplo, pode darse a situación de ter que entrar por ocos pequenos e aí teñan maior vantaxe as mulleres. De igual modo, reivindica que están capacitadas para realizar calquera tipo de traballo e que tamén depende do esforzo a título persoal á hora de manter o nivel físico. "Eu vou todos os días ao ximnasio, xogo ao fútbol, fago outras actividades deportivas ao ser algo que sempre me gustou. Que non vou ter a mesma forza ca o meu compañeiro? Probablemente, pero non é unha cuestión de adestramento, senón que o noso corpo é totalmente distinto ao deles", manifesta.

"Podo falar da situación coa menstruación e sen ela porque fai dous anos e medio operáronme dun sarcoma e vaciáronme. Pasei polas dúas circunstancias e nótase a diferenza, xa que as forzas non son as mesmas, depende do sangrado e das dores", recoñece. Pati no seu traballo son como un parque de bombeiros, e cumpren as funcións de bombeiro e a maiores son TES (Técnicos en Emerxencias Sanitarias). "Cando enganchaba dúas ou tres saídas seguidas sen poder pasar por base co sangrado era desagradable e incómodo. Ao final acábaste adaptando a traballar con dor ou sangrado, cambiamos o chip e esquecémonos de todo o que temos enriba".

A XESTIÓN EMOCIONAL NO SEU TRABALLO 

O día a día de Pati como GES baséase principalmente en realizar saídas de ambulancias, cubrir gardas e todo o que se presente, se hai un incendio ou unha exceración saen todos os do equipo. Recoñece que experimentan situacións moi impactantes, desde accidentes de tráfico, suicidios e lembra cando estiveron en Angrois. "Nese caso chegaba á casa e non era quen de contar nada, todo se falaba na base entre nós, xa que compartimos a experiencia. É moi importante coidar a saúde mental e acudir ao psicólogo como quen vai ao dentista para axudar coa xestión", destaca. 

Que consello lle darías a unha rapaza que teña o mesmo soño ca ti? "Que se lle gusta e o quere, que vaia a por iso, xa que non hai maior satisfacción que estar nun traballo que desexas. A min encántame ir a traballar e sei que é un traballo perigoso, en situacións anómalas, pero se che gusta, decides asumir os riscos", conclúe. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta