O inverno en Galicia foi o cuarto máis cálido en 60 anos e choveu un 18% máis do habitual

O tempo continuará similar nas próximas semanas e a auga caída permite avanzar que "non haberá problemas de abastecemento" este verán.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2024 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

O último inverno climatolóxico en Galicia, que se pechou co final do mes de febreiro, foi cálido e húmido, segundo os datos de Meteogalicia, que recollen que a temperatura media foi a cuarta máis alta da serie histórica, iniciada en 1961, e a cantidade de precipitacións situouse un 18% por encima do habitual neste período.

Así o apuntou a vicepresidenta segunda en funcións da Xunta, Anxos Vázquez, durante unha visita que realizou á sede de Meteogalicia en Santiago para falar do balance climático do inverno, correspondente aos meses de decembro, xaneiro e febreiro.

De modo global, a conselleira de Medio Ambiente en funcións apuntou que xaneiro e febreiro foron meses "especialmente calorosos", o que situou a temperatura deste inverno --cunha media de 10 graos-- un grao e medio por encima da media histórica. Xaneiro foi, de feito, o primeiro mes do ano máis caloroso en 58 anos.

A media das mínimas, informa Meteogalicia, situouse en 5,2 graos, 1,8 graos por encima do habitual no inverno galego; e as máximas situáronse en 12,7 graos, 1,2 graos por encima da media. O rexistro máis frío foi o 18 de decembro en Baltar (Ourense), con -8,1 graos, e o máis cálido tamén en Ourense, en Leiro, con 26,6 graos o 14 de febreiro.

En canto ás precipitacións, o inverno foi húmido, especialmente polo alto volume de precipitacións de febreiro. En total, rexistráronse 522 litros por metro cadrado en datos acumulados, un 18% superior ao que vén sendo habitual neste período.

Mentres as choivas de decembro e xaneiro estiveron dentro da normalidade, o mes pasado caracterizouse por precipitacións moi superiores á media, de 196 litros por metro cadrado, un 64% por encima do valor climatolóxico desta estación. A cifra máis alta do inverno foi a da estación da Muralla, en Lousame, que rexistrou 1.400 litros de choiva por metro cadrado. Segundo contaron os responsables de Meteogalicia, esta situación garante as reservas de auga na comunidade de face ao verán, onde non se prevén "problemas de abastecemento".

Finalmente, desde Meteogalicia destacaron que durante o inverno pasaron por Galicia sete borrascas, das que sobresae sobre todo Karlotta, polos fortes ventos. Esta borrasca causou o refacho máis forte de vento detectada polos sensores de Meteogalicia, de 202,4 quilómetros por hora, en Viveiro.

ESTACIÓNS

Ángeles Vázquez
destacou que este balance é froito dos datos que diariamente recollen as estacións -11 de temperatura e 16 de precipitacións- que hai repartidas pola xeografía galega e que contribúen a facer un seguimento e análise continua dos fenómenos meteorolóxicos e climáticos. Por iso, puxo en valor a importancia de mantelas en bo estado e optimizar as súas prestacións de maneira constante.

A responsable autonómica incidiu en que outro dos aspectos que avalía Meteogalicia é a calidade do aire, para o que a comunidade conta con 47 estacións de control -tanto públicas como privadas- distribuídas polo territorio galego que acreditan a boa calidade do aire da comunidade. Esta rede de recollida de datos, dixo, está tamén en constante renovación, ampliación e .

Por iso, recentemente incorporouse á rede pública galega duna estación de calidade do aire cedida pola empresa Endesa no concello de Ferrol. Este punto de recollida incorporará datos da área industrial de Ferrol, complementarios á outra estación da que a Xunta dispón na cidade.

De cara ás próximas semanas, espérase que continúe a mesma tendencia meteorolóxica, con precipitacións e temperaturas suaves. No entanto, a conselleira en funcións advertiu de que para este fin de semana espérase unha situación climatolóxica "moi complicada", con "néboa, neve e sarabia", polo que animou a "extremar as precaucións" nos desprazamentos por estrada.

A vicepresidenta segunda en funcións, Ángeles Vázquez, informa o balance climático do inverno en Galicia.. XOÁN CRESPO
A vicepresidenta segunda en funcións, Ángeles Vázquez, informa o balance climático do inverno en Galicia.. XOÁN CRESPO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta