Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2024 | Actualizada ás 22:07
Milleiros de mulleres manifestáronse este venres polas rúas das principais cidades galegas reclamando máis dereitos, máis igualdade e máis feminismo. Líderes nacionalistas e socialistas, así como dirixentes sindicais participaron nas mobilizacións. En Santiago de Compostela convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres e a Plataforma Feminista Galega con motivo da conmemoración nesta xornada do Día Internacional da Muller e, a pesar de partir do mesmo lugar e á mesma hora, marcharon divididas.
Debido ás posicións enfrontadas sobre os dereitos das persoas trans, entre outras cuestións, ambas as plataformas coincidiron no lugar e hora de saída -- 20,00 horas na Praza 8 de marzo--, e tamén con puntos en común como a loita contra a violencia de xénero, a visibilización do traballo de coidados ou as melloras no ámbito laboral.
Durante a marcha, que partiu puntual ás 20,00 horas desta praza compostelá, puidéronse escoitar cánticos como 'Somos guapas, somos listas, somos todas feministas' ou 'Imos queimar a Conferencia Episcopal'. A choiva intermitente foi acompañando toda a manifestación, encabezada por unha pancarta na que se podía ler 'Stop precariedade. Traballo digno e igualdade'.
En Vigo a concentración estaba encabezada por unha pancarta que rezaba 'O feminismo defende dereitos. O machismo, violencias e privilexios. 8M Xuntas somos máis fortes'. Detrás desta, miles de persoas, na súa maioría mulleres, reivindicaron a igualdade.
'Nin sumisas, nin pasivas. Somos mulleres combatibas'; 'Non é a minisaia, non é o pantalón. Na mente do machista está a provocación'; 'Deixa pasar, son feminista e o mundo vou cambiar'; 'Non é un caso illado, é o patriarcado', foron algunhas de consígnas que se escoitaron ao longo da manifestación que, a pesar da choiva, non impediu que máis xente se sumase a medida que ía baixando pola rúa Gran Vía.
OUTRAS MARCHAS
Durante a tarde deste venres desenvolvéronse outras manifestacións en conmemoración polo Día Internacional da Muller nas cidades galegas e tamén un amplo número de localidades acolleron concentracións. Ademais de na Coruña e en Vigo, que foron as máis multitudinarias, en Lugo, a manifestación comezou na Rolda da Muralla, fronte á Delegación da Xunta, e concluíu na Praza de Santa María coa lectura do manifesto.
Mentres, en Pontevedra a marcha deste 8M partía da Praza de España e finalizaba na Porta do Sol, e en Ourense as manifestantes iniciaron o percorrido desde a Subdelegación do Goberno. Outras localidades de toda a xeografía galega, como As Pontes, Chantada, Viveiro, Vilagarcía de Arousa ou Monforte de Lemos tamén saíron ás rúas este 8 de marzo reivindicativo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.