O lobo: besta maldita para uns; cabeza de turco para outros

O PP pide retirar o lobo do catálogo de especies especialmente protexidas. Consideran que este cánido salvaxe é un perigo para a gandaría en extensivo e para outro tipo de animais domésticos. Por outra parte, os movementos ambientalistas apuntan un nesgo partidista aproveitando a cuestión do lobo como unha nova vía de ataque contra o Goberno central.

Por Moncho Mariño | Santiago | 14/03/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia anunciaba en decembro de 2022 un total de 93 mandas de lobos en territorio galego, tres máis que as rexistradas no seguimento de 2013 a 2015. Na mesma nota de prensa tamén se sinalaba que o executivo galego “seguirá ao carón do sector agrogandeiro mobilizando fondos propios para prever e paliar posibles ataques”. O 10 de marzo o PP anunciaba que presentará no Senado unha moción para excluír o lobo da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lespe). A raíz desta petición ao Goberno central está en facer compatible a conservación do lobo “coa defensa dos intereses dos gandeiros”. En contra desta decisión, os colectivos ambientalistas declaran que os argumentos do PP para a súa moción non gardan rigor científico á parte de ver na acción dos 'populares' unha estratexia contra o executivo presidido por Pedro Sánchez.

Varios exemplares do Centro do Lobo Ibérico na localidade de Robledo de Sanabria
Varios exemplares do Centro do Lobo Ibérico na localidade de Robledo de Sanabria | Fonte: Europa Press - Arquivo.


LOBO, CABEZA DE TURCO
A petición dun plan especial para o equilibrio entre a protección do lobo e os usos gandeiros debera pasar pola súa retirada da listaxe Lespe. Este é un dos puntos que exporá o PP no Senado, cámara onde ten maioría absoluta, para darlle solución ao que ven como un problema para a gandaría e a poboación no rural. Deste xeito, o cánido salvaxe volvería a ser unha especie que se podería cazar con permiso especial.

O lobo non ten depredadores naturais, por outra parte, as mandas estanse achegando ás casas e por iso pedimos un plan de control para termos un número de lobos acorde coa cabana gandeira” di María José Gómez, senadora do PP e alcaldesa de Guntín. “Antes da enfermidade das vacas tolas, moita xente deixaba no monte animais mortos para que os comesen os lobos, desta maneira matíñanse fóra do perímetro das explotacións”.

Alén do expresado polo PP, Ecoloxistas en Acción sinala que esta proposta nace nun contexto onde “os 'populares' non teñen solucións para o sector primario e poñen o lobo como un comodín, e non só o PP, porque o PSOE de Asturias usa esta cuestión a nivel autonómico” di Alberto Rivero. “No que levamos de século XXI non se rexistraron ataques de lobos a persoas mais si se rexistraron mortes de cazadores e de persoas que non tiñan nada que ver con batidas”.

“Isto é facer oposición ao goberno do PSOE usando a maioría absoluta no Senado” di Fins Eirexas de Adega, apuntando tamén á utilización da mesma metodoloxía “de bulos e desinformación” da ultradereita. Por outra parte, segundo Adega a moción do PP non ten “base científica porque os últimos estudos confirman que a poboación de lobos en Galicia leva 30 anos sen aumentar”. A consecuencia é que o depredador salvaxe é vítima dunha política irracional, unha política que tamén fixo perder á Xunta 4 millóns de euros que poderían ter ido para o sector primario.

Cachorro de Lobo Ibérico.. WWF
Cachorro de Lobo Ibérico.. WWF

EXISTE O PERIGO PARA O SECTOR PRIMARIO?
O documento que se vai presentar no Senado quere pedir “sentido común, non se pode favorecer unha especie en detrimento doutras” apunta María José Gómez. A alcaldesa de Guntín insiste en que as batidas autorizadas e controladas axudaban a manter protexida a cabana gandeira segundo Gómez. Por outra parte, e ante o risco de perder cabezas de gando “as compensacións económicas son insuficientes, o gandeiro quere ter o seu animal e se un día perde unha xata preñada, as compensacións non serán abondo para recuperar o dano”. Para a senadora do PP as normas de protección “están feitas por persoas que non viven no rural”.

“A Xunta coa súa oposición á inclusión do Lespre perdeu a posibilidade de gañar catro millóns de euros por non apoiar a Estratexia do Goberno Central para protexer o lobo” sinala Fins Eirexas. “Ao PP nunca lle preocupou realmente o sector gandeiro, por iso se aprobaron parques eólicos e por iso permite que o sector lácteo estea morrendo e permitindo a especulación cos prezos”. Segundo o membro de  Adega, os informes da Xunta e tamén do Estado apuntan que o lobo está en perigo, mais en Galicia foi utilizado para gañar votos aproveitando momentos políticos determinados.

“Cando o lobo entrou na listaxe Lespe foi por ser unha especie clave no ecosistema e que a día de hoxe está ausente na maioría da Península Ibérica” apunta Alberto Rivero. Se o lobo é un perigo para a gandaría tamén o son para a agricultura os herbívoros como corzos e cervos ademais do xabaril. O único depredador que pode facerlles fronte de maneira efectiva é o lobo. “No sur do río Douro hai exceso de herbívoros e as CCAA do norte poderían enviar lobos cara o sur”. Isto entraría en conflicto con gandeiros e agricultores ao sur do Douro, mais é o lobo o único depredador que pode facerlles fronte.

O lobo é unha especie apical, o seu depredador natural é el mesmo ou o ser humano. As súas poboacións autorregúlanse debido á territorialidade das mandas, a conclusión disto é que “nunca haberá sobrepoboación de lobos” di Rivero.

Se a moción do PP consegue saír adiante, o grande depredador natural de especies salvaxes prexudiciais para a gandaría, deixaría un oco difícil de encher debido á falta de control sobre corzos, cervos ou xabaril. As batidas de caza sobre estes animais non dan controlado a súa expansión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta