Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 13/03/2024 | Actualizada ás 14:35
O presidente da Xunta en funcións e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, aproveitou a súa visita ao Pazo do Hórreo para recoller a súa credencial de deputado para protagonizar unha foto de familia co grupo parlamentario co que os populares estrearán a XII Lexislatura. A XII Lexislatura arrincará formalmente o vindeiro luns 18 de marzo coa constitución do novo Parlamento, polo que nesta xornada coñecerase a nova composición da Mesa (órgano reitor da Cámara autonómica), que, actualmente, dirixe o ourensán Miguel Santalices, quen é, ademais, o parlamentario máis veterano do Hórreo.
Cunha maioría absoluta de 40 escanos, os populares terán tres dos cinco representantes da Mesa, mentres que hai conversacións entre BNG (con 25 deputados) e PSdeG (9) para determinar a representación dos cargos restantes. O arco parlamentario de 75 deputados completarao Armando Ojea (Democracia Ourensana). En declaracións aos medios, Santalices manifestara a súa "disposición" a continuar no seu cargo se o estima conveniente o seu partido, aínda que aínda non foi confirmado, igual que ningún outro cargo popular da Mesa ou da dirección do grupo parlamentario.
Precisamente, Santalices e dous dos principais membros da ata agora dirección do grupo (con peso tamén no partido) --Alberto Pazos (portavoz) e Paula Prado (viceportavoz primeira e secretaria xeral do PPdeG)-- son os dirixentes que acompañan a Rueda en primeira fila na foto difundida polos populares.
"OS 40 QUE IMOS A DAR TODO POLOS GALEGOS E GALEGAS"
O líder do PPdeG difundiu a imaxe na rede social 'X' acompañada por un post no que asegura que "sempre emociona recoller a acta de deputado no Parlamento, pero esta vez moito máis" (trátase da súa primeira maioría absoluta propia como candidato autonómico). "Aquí estamos o Grupo Popular, as 40 persoas que imos dar todo durante os próximos catro anos polos galegos e galegas", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.