Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 14/03/2024 | Actualizada ás 18:45
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), xunto coa plataforma de afectados pola autovía A-57 no tramo A Ermida-Pilarteiros, que afecta as parroquias pontevedresas de Xeve e Bora, puxeron en marcha a campaña 'Salva o Lérez. Stop A-57'.
Segundo explicaron este xoves en rolda de prensa, con esta iniciativa pretenden reunir os apoios necesarios para poder emprender accións legais contra a aprobación do proxecto definitivo e estudo de impacto ambiental do segundo tramo desta autovía. Necesitan recadar un importe mínimo de 9.500 euros para poder garantir a interposición dun recurso contencioso-administrativo.
O colectivo ecoloxista e os veciños afectados queren recorrer na Audiencia Nacional a autorización da construción, antes de que exerza sobre o territorio un impacto ambiental, patrimonial e social "irreparable e inasumible".
Para Adega, a recente autorización deste tramo representa "un paso atrás" no cumprimento da normativa ambiental vixente e no camiño cara a transición ecolóxica e as políticas de mobilidade sustentable.
Segundo sinalaron, as obras proxectadas partirían en dúas un espazo natural integrado na Rede Natura e a autovía "rompería pola metade" a Zona de Especial Conservación do río Lérez, ao que se suma a construción dun viaduto de 700 metros sobre este río "e outros dous sobre o Rego de Xanín e o Rego de Cardosa".
Nesta rolda de prensa cifrou en 6.000 metros cadrados de superficie ambientalmente protexida sobre a que haberá unha intervención directa, comprometendo ademais o estado de conservación de especies vulnerables e en perigo de extinción que habitan no leito fluvial, como é o caso do mexillón de río (Margaritifera margaritifera).
"ARRASARÍA A FLORA"
Ao tempo, "arrasaría con flora endémica, ou propia da zona afectada", representada en varias especies de cogomelos (p.ex. Lentinellus Pontevedrensis), e con exemplares de plantas en perigo de extinción (Succisa pinnatífida). Ademais incidiron no impacto "totalmente inaceptable e inxustificado" sobre a veciñanza e os núcleos de poboación afectados.
Aseguraron que "se prevé a expropiación e demolición dun amplo número de vivendas", partindo ou mesmo "borrando do mapa núcleos de poboación enteiros", como o da Fervenza, "sen que exista ningún elemento obxectivo que o xustifique". Tamén destacaron que "centos de casas" quedarán afectadas os accesos cortados, "ao bordo de precipicios ou debaixo dos viadutos que se van a construír".
Desde Adega e a plataforma de afectados de Xeve e Bora insisten na "ausencia de utilidade social e pública" da "mal chamada circunvalación de Pontevedra".
"O tramo A Ermida-Pilarteiros, e a autovía A-57 no seu conxunto, constitúen unha auténtica fraude ambiental, social e legal, e un atentado contra o patrimonio natural e cultural colectivo, ademais dun enorme malgasto de diñeiro público para acabar nunha duplicidade innecesaria da AP-9, á altura da cidade do Lérez", conclúen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.