Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2024 | Actualizada ás 16:48
O debate de investidura de Alfonso Rueda que, formalmente, terá que ser proposto tras o trámite de audiencia dos grupos parlamentarios, será o entre o 9 e o 11 de abril, e tomará posesión como presidente da Xunta o sábado 13 de abril. Se se confirman os prazos habituais, a continuación nomeará o seu novo Consello da Xunta, do que acaba de saír a titular de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, elixida secretaria da Mesa do Parlamento este luns na constitución do novo hemiciclo galego, e celebrarase o primeiro Consello da Xunta.
Tras a conformación do novo executivo autonómico, o Parlamento de Galicia acollerá o mércores 16 de abril a sesión solemne de apertura da XII Lexislatura xa co goberno en pleno funcionamento nas cadeiras de brazos azuis do hemiciclo. Con este pleno solemne formalmente arrincará este novo período político de catro anos, o quinto consecutivo con maioría absoluta do PPdeG e a primeira lograda por Alfonso Rueda o pasado 18 de febreiro, con 40 escanos.
Como é habitual o debate de investidura durará dúas xornadas. Neste caso, segundo figura no borrador de calendario proposto polo presidente da Cámara, Miguel Santalices, o debate arrincará o luns 9 de abril coa presentación do programa de goberno a cargo do candidato á Presidencia. Tras un día de receso, intervirán os grupos parlamentarios no pleno, o candidato responderá e pecharase a xornada coa votación do novo presidente da Xunta.
TRÁMITES PREVIOS
Entre tanto, a maquinaria parlamentaria arrinca xa o vindeiro luns 25 coa reunión da Mesa do Parlamento, para tomar coñecemento da constitución dos grupos parlamentarios, que teñen ata o sábado para formalizar este trámite, aínda que polo menos os socialistas xa o fixeron este mesmo martes. O 1 de abril (luns de Pascua), terá lugar a constitución das comisións, un trámite de idas e vindas polos corredores do Pazo do Hórreo en que a Mesa do Parlamento percorre as salas de comisións para volver constituír todos os órganos de discusión parlamentaria por asuntos temáticos.
Xa o martes 2 de abril comezarán as consultas do presidente do Parlamento cos representantes dos grupos parlamentarios para a elección á Presidencia da Xunta. O 4 de abril, volverase a reunir a Mesa e a xunta de portavoces para tomar coñecemento da proposta de candidatura, ordenar o debate e pechar o acordo de repartición de escanos.
O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, comunicou na mañá deste martes aos membros da Mesa e portavoces dos grupos esta proposta de calendario de investidura da cámara galega. Este borrador será trasladado formalmente aos grupos e está condicionado polos prazos que marca o regulamento: cinco días hábiles desde a sesión constitutiva para a creación dos grupos e dez para a constitución das comisións, o que, coincidindo co período de Semana Santa, deseñouse conforme ao mencionado calendario.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.