Da xornada electoral saco estas notas provisionais, como puntos de partida para continuar a conversación:
1. NORMALIDADE ABSOLUTA: Nin tanquetas nin meter en campaña ao Espírito Santo. Sectarismos como o do arcebispo Cañizares desacredítanse SOS.
2. TRIUNFO DA DEMOCRACIA: récord de participación (77,44%) e moita animación e alegría nas rúas.
3. CALLOU O ESPÍRITO PLEBISCITARIO: Moncloa negouno desde o minuto cero; cando quixo reaccionar era demasiado tarde (o debate Margallo-Junqueras foi o punto de inflexión, á desesperada). “Isto vai en serio”, deberon pensar os 80 medios de comunicación estranxeiros que acreditaron a máis de 180 xornalistas.
4. CAMPAÑA DO MEDO: a suma de Rajoy + Merkel + Cameron + Obama coa boca pequena + Bruxelas + Cañizares + IBEX35 + “corralito” do gobernador Banco de España + CEOE + BANCA + “sen pensións” + coro de anxos = 348.000 votos. Non convenceron nin a un só votante novo; pola contra afastaron do PP a 123.581 votantes. Parabén Mariano!
5. FRACASO DAS AMEAZAS: a cidadanía quere ilusións, mesmo vota quimeras; non que se nos atemorice e ameace co lume do inferno. O verdadeiro artífice do independentismo non é Mas, senón Rajoy e a súa contorna: as súas imprudentes e patéticas ameazas reforzaron e motivaron aos cataláns e catalás desconectados emocionalmente do Estado, que son moitos.
6. “ACABOUSE A BROMA (PARA RAJOY)”: o tándem Rajoy-Albiol deixa ao PP afundido ao nivel da Alianza Popular de Fraga en 1984, o que anticipa tendencia nas eleccións xerais de decembro. Luces vermellas en Xénova e un ERE colectivo en marcha.
7. ARTUR MAS NON É UN FAQUIR: interesa a moitos personalizar en Mas todos os males do universo coma se el soliño movese os resortes de dous millóns de cataláns e tivese con eles unha infinita capacidade de manipulación e hipnoses. Erro de diagnóstico: a marea catalá leva cinco anos subindo. Como Moisés, Mas pasará pronto a un segundo plano e verase que con ou sen Mas, a marea segue. Non é un soufflé, son dous millóns de cidadáns.
8. O «PROCÉS» CATALÁN TEN CORDA PARA LONGO: proceso para depoñer o réxime do 78 e o pujolismo (van no mesmo saco), proceso constituínte, proceso de empoderamiento popular e substitución da política viejuna; e proceso mediterráneo e europeo. Cataluña é a punta de lanza.
9. PLEBISCITO DIARIO: “Unha nación é o desexo claramente expresado de continuar a vida común: un plebiscito cotián” [Renan, 1889].
E 10. DIVORCIO DE MUTUO ACORDO. Como no chiste do dentista, “¿A que non nos imos a facer dano uno ao outro?”, onte moita xente contivo a respiración e baixou a presión. Sendo máis importante e decisiva, o 27S foi unha noite electoral de perfil baixo, comparada co 9N, por exemplo: todo indica que se van tender pontes. Aínda que a brigada mediática, en posición de firmes, sementou decenas de titulares sobre “o fracaso de Mas” (para ocultar o único e rotundo fracaso de Rajoy), a folla de ruta vai continuar. O cal non debe ser un problema nin un drama, senón a gran oportunidade de actualizar leis obsoletas e redefinir os nosos consensos básicos para renovar os pactos de convivencia.
@ValentinCarrera