Máis de 140 coches de época no 'Salón do Vehículo Clásico' de Expourense

Celébrase a fin de semana do 6 e 7 de abril ofrecendo ademais unha gran área de exposición e venda coa presenza de 30 expositores e 20 clubs de afeccionados, moitos deles de ámbito nacional.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 04/04/2024 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O 2º Salón do Vehículo Clásico contará coa presenza de 20 expositores especializados no sector do clásico e entre as que se atopan tanto compravendas como empresas de recambios, accesorios, compoñentes, pintura, miniaturas, etc. A área expositiva inclúe ademais a participación de máis de 140 vehículos clásicos (matriculados ata 1994, é dicir, cun mínimo de 30 anos de antigüidade) entre os que se poden atopar tanto coches como motos. Estes vehículos de exposición están cedidos por coleccionistas privados, restauradores, mecánicos, clubs e particulares. Como curiosidade, poderanse atopar o mítico “Alpinche” cedido pola Fundación Estanislao Reverter ou unha mostra de vehículos clásicos cedidos pola Policía Nacional.

Presentación do Salón do Vehículo Clásico en Expourense. Foto: Dpto Comunicación de Espourense.
Presentación do Salón do Vehículo Clásico en Expourense. Foto: Dpto Comunicación de Espourense.

Un dos grandes atractivos desta cita para os amantes do sector é o Aparcadoiro de Clásicos. O recinto contará cunha área reservada para que aparquen nel (ata completar aforo) os visitantes que se despracen ata Expourense ao volante do seu clásico. Cada coche ou moto clásica que aparque nesa zona recibirá dúas invitacións para que poidan visitar o salón sen custo. É recomendable que aqueles que decidan asistir co seu clásico realicen unha inscrición previa a través da web do evento.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES

Unha das novidades desta segunda edición será un completo programa de actividades para animar aos propietarios de clásicos especiais a sacalos do garaxe e presumir deles diante dos visitantes do salón. Para iso convocouse o Primeiro Concurso Elegancia que conta con 13 coches finalistas (matriculados entre 1917 e 1994) e que estarán expostos no salón. Estes finalistas presentáronse no perfil do salón para que os seguidores poidan votar para o “Premio do Público” e xa en feira serán valorados tamén por un xurado profesional.

Entre os participantes no Aparcadoiro de clásicos celebrouse tamén o Concurso “O meu Clásico de portada” e cuxo coche gañador foi a imaxe do cartel conmemorativo desta segunda edición. A entrega de premios de ambos os concursos está prevista para o domingo 7 de abril ás 13.00 h.

En colaboración coa Concellería de Xuventude e a empresa ourensá “Xog-on” organizouse tamén o 1º Campionato de Simracing de clásicos e tamén terá lugar a Primeira Competición de Rallye Clásicos de Slot “Cidade de Ourense” na que tamén colabora Xuventude Ourense. A terceira das competicións na que poden participar os visitantes que desexen facelo será a 1ª Competición para “Lentos en moto” que organiza Expourense en colaboración co Club Agudos de Vespa e Lambreta Clásica de Ourense.

No salón estará a Fundación Estanislao Reverter e tamén o coñecido youtuber Santi Martínez (“Documentos do Motor”), con miles de seguidores afeccionados aos clásicos que realizará dúas presentacións, unha sobre como chegar a converterse en “influencer” neste ámbito e outra que celebrará o 50º aniversario do Citroën CX. 

ENTRADAS E HORARIOS

O horario do salón será, tanto o sábado como o domingo, de 11:00 a 21:00 h. A entrada para o público ten un custo de 5 euros, sendo gratuíta para os menores de 12 anos. Conta cunha web propia e perfil de Instagram.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta