Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/04/2024 | Actualizada ás 20:40
O Concello de Ourense celebrou a súa sesión plenaria ordinaria do mes de abril, na que o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, mantivo o veto ao resto de concelleiros da corporación á hora de oficiar vodas no Concello. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou este venres un decreto polo que o alcalde de Ourense é o único que pode oficiar estas cerimonias, ou o tenente de alcalde, Aníbal Pereira, se así o delega o rexedor municipal.
O decreto chegou a pleno cunha moción socialista na que pedían que se redactase un regulamento de regulación das vodas civís no consistorio, así como que o alcalde derrogase dita norma. A edil María Fernández, defendeu a moción e realizou unha alegación sobre a "importancia" de que as parellas poidan elixir quen as casa no "día que se supón o máis feliz da súa vida". "Revise os seus actos" pediulle ao rexedor e solicitou que, polo menos, "non faga o decreto afectando as parellas" que xa tiñan elixidas datas de cerimonias e concelleiras que as oficiarían, senón que entre en vigor a partir de vodas que se soliciten desde este momento.
"Antes a orde do día dos plenos facíase por orde de chegada das mocións, agora elíxoa eu e puxen esta o final como fin de festa", esgrimiu Jácome entre risas. O mesmo ton xocoso usou para describir a moción como "unha aberración que fixo rir aos xuristas". "Cambien a lei en Madrid, que é a que concede esta competencia. Actualmente é o alcalde o que casa e este o que delega se quere", sinalou, á vez que insistiu en que pedisen "no Parlamento que a derroguen".
Jácome lembrou que no 2022 apartou a unha xefa de protocolo porque "derivaba o 50% das vodas civís" a José Araujo, actualmente edil do Partido Popular, entón edil de Ciudadanos. Algo que o alcalde, por aquel entón, considerou "unha mafia" porque era "unha anomalía estatística" o número de parellas que elixían a Araujo como oficiante "en base ao número de votos" que conseguira para a súa formación, como así lembrou este venres.
"CAPRICHITOS DO ALCALDE"
Pola súa banda, a edil do PP local Sonia Ogando criticou que Ourense é a "única cidade de España que polos caprichitos do alcalde priva aos veciños de decidir quen quere que case". Á queixa sumouse o portavoz do BNG, Luís Seara, que relatou que comentando cun amigo a decisión do alcalde este "díxome que era un narcisista de manual", argumento que empregou para ler "os trazos psicolóxicos" dun narcisista.
"Agora voulle a ler eu os trazos dun psicópata e a ver se coinciden con vostede ou os dun frustrado político", espetou entón o alcalde e engadiu que "xa está a insultar sen insultar, dicindo 'díxome un amigo, díxome un amigo'", todo iso para comentar entre risas que pensaba que "lle estaba lendo o horóscopo. "Se quere léolle eu o de piscis, o de leo, o de acuario ou o de cancro e a ver", apuntou. Desde a bancada popular Sonia Ogando lamentou que "unha cidade con problemas gravísimos" debata "un decreto absurdo e caprichoso" dun rexedor "que quere ser o perexil de todas as salsas".
"Non tivo éxito cando lle ofreceu aos noivos tocarlle a marcha nupcial no órgano se deixaba que casase?, por iso ten que sacar un decreto?" e concluíu que Ourense "ten o canón do Sil, que non é o Canón do Colorado e vostede non é Elvis", cuestionou ironicamente Ogando.
A socialista María Fernández esgrimiu que en agosto casa unha amiga da infancia e que o fai "unicamente no concello porque quería que a casara eu", argumento co que instou o alcalde a delegar a competencia.
Foi entón cando o rexedor opinou como foi a conversación entre a edil e a súa amiga: "dáme por pensar que lle dixeches 'Ti tranquila que lle vou a montar unha moción que se vai a cagar'", apuntou en ton de comedia. "Dille á túa amiga que a imos a casar ben. Obviamente eu non che vou a delegar as competencias e ti non a vas poder casar, pero o máximo que podo facer por ti, e comprométome diante de todos, é que se volves casar ti, cásote eu", engadiu.
O debate concluíuno o portavoz do BNG, que ironizou que "se non podemos casar, podemos polo menos ir de monaguillos?. Finalmente, a moción saíu adiante adiante cos votos a favor do Partido Popular e o Partido Socialista, a abstención do Bloque Nacionalista Galego e os votos en contra de Democracia Ourensana.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.