Por Amanda Fernández | Lugo | 19/04/2024 | Actualizada ás 22:00
A maternidade trae consigo un cambio de vida para toda muller, que en primeira instancia, se enfronta á lactancia do seu bebé. Paula García é asesora de lactancia certificada e realiza acompañamentos na maternidade e paternidade. "Quero puntualizar que o benestar de nai e bebé e a lactancia debe ser guiada por un profesional sanitario como é a matrona ou matrón, que é a figura especializada no benestar da muller, a figura perfecta para realizar ese acompañamento e esa guía", destaca. O traballo de Paula consiste máis ben en sumar, na maternidade e paternidade. No caso das nais, dependendo do tipo de lactancia que elixan, ben sexa materna ou fórmula, o que fai é, en base as indicacións dos profesionais da saúde, apoiar.
Como nai de tres fillos e experta expón que a "lactancia non é algo estático", senón que vai cambiando moitísimo. Neste sentido, as mulleres por mor do postparto, xa presentan cambios: "Nas primeiras semanas temos máis adrenalina, estamos máis activas, a medida que pasan as semanas, o cansancio faise notar e veñen os baixóns, conflictos propios e coa parella, inseguridade. Non é para nada doado xestionar esos primeiros momentos coa maternidade". A figura de asesora de lactancia o que busca é estar neses momentos para "calmar, sen xuízos, un pouco eses medos e inseguridades en torno a lactancia". Como exemplo diso que lles atormenta, Paula comenta que moitas expresan o medo a ter leite suficiente para dar ou a non "ter esa conexión que deberiamos ter co noso bebé, conexión preconcibida por todo o que se ve sobre a maternidade".
A FIGURA INFRARREPRESENTADA DURANTE A LACTANCIA
Durante o periodo de lactancia, o benestar da muller tamén está condicionado pola súa contorna, tal e como explica Paula: "É importante a información e querer informarse. Eu traballo para que a figura do pai tamén contribúa ao benestar da nai, e creo que é unha figura infrarrepresentada". Considera que moitos pais non poden axudar porque tampouco "teñen as ferramentas". Como exemplo, sinala que cando se vai a unha preparación do parto, a unha formación de lactancia, quen lle fala ao pai? Ou convida a unha avoa, avó ou persoa próxima á maternidade. "Isto non se concibe, que vaia a muller e cargue con toda a información", manifesta.
Nas asesorías de lactancia trabállase co pai ou parella, que acompaña á maternidade para que eles tamén teñan recursos. "Nunha lactancia materna hai moito que facer, sobre todo a nai, pero o pai encárgase de ser ese muro que protexe a diana de nai e bebé. Deberían coñecer o proceso e saber o que vai sentir unha nai para así poder apoiar. Penso que a empatía e querer que os pais formen parte das formacións permite contribuír ao benestar da nai", destaca. Na súa propia experiencia, esta asesora percibiu que cada vez pais ou parellas tenden a querer formar máis parte, froito de que os modelos de crianza van cambiando. "Eles queren formar parte diso e aportar ao benestar de nai e bebé e aprecio unha tendencia a que estean máis interesados en ter voz neses primeiros momentos", afirma.
LACTANCIA MATERNA EN CALQUEIRA CASO
"Independentemente das terminoloxías, materna ou de fórmula, toda as lactancias son maternas, da igual que saia dunha teta ou dun biberón. Penso que é importante tansmitir que todas as lactancias deben ser respetadas", fai fincapé Paula, que trae unha serie de afirmacións a ter en conta sobre esta cuestión da lactancia. Neste sentido, "a mellor lactancia é a que se adapta ao benestar da nai e do bebé", xa que dependerá da situación específica de cada nai i é algo moi persoal. "Respetemos a decisión da muller na súa lactancia e non xuzgar en ningún caso", engade, xa que hai nais que non queren dar o peito, por exemplo, ou as veces as circunstancias non son as adecuadas para que o dé.
Tamén é moi importante a xente que compón o círculo próximo: "Que apoien á nai e que se formen sobre lactancia para poder entendela". De igual forma, Paula afirma que sempre que se fala de lactancia deben "apoiarse en profesionais sanitarios especializados, como a matrona ou matrón", así como en profesionais específicos en lactancia para a "busca de asesoramento ou acompañamento que sume calidade na maternidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.